Skip to main content
ActualidadeXermade

Antonio Riveira será o candidato do PP á alcaldía de Xermade

Por 21 Decembro, 2018Sin comentarios

Antonio Riveira será o candidato do PP á alcaldía de Xermade. Así foi presentado ante afiliados e simpatizantes xermadeses nun acto celebrado en Momán que contou tamén coa presenza da presidenta provincial, Elena Candia, e o secretario xeral do Partido, Carlos Armesto; ademais doutros membros da formación coma senadores, deputados provinciais e autonómicos.

O presidente local do Partido Popular, enxeñeiro agrícola de profesión, encabezará por primeira vez a lista dos populares no municipio, despois de formar parte do equipo de Goberno durante 12 anos nos que dirixiu a concellería de obras e exercer como voceiro municipal neste último mandato.

Riveira asume agora o reto de “recuperar o bo goberno en Xermade a través dunha xestión eficiente e razoable tal e como merece o noso municipio e que ninguén defende mellor que o Partido Popular”. Nese sentido, avanzou que “traballaremos duro, con humildade e honradez, para prestar servizo e apoio aos veciños e veciñas”. Precisamente a súa profesión permítelle estar preto da xente tratando de dar resposta a algúns dos seus problemas. “O meu compromiso seguirá sendo o do servizo público aos veciños e veciñas”, asegura.

Un dos obxectivos do candidato popular será o de “construír un concello atractivo para que se asente a poboación”. E, para iso aposta por favorecer a implantación de empresas e por facilitar os servizos aos veciños e veciñas. “É imprescindible axilizar os trámites municipais a empresas e particulares”, asegura Riveira. Pero tamén engade que “a Administración municipal debe estar ao seu servizo e contribuír na difusión e posta en coñecemento dos veciños e veciñas sobre as axudas doutras Administracións en distintas materias coma o emprego, o impulso de proxectos ou a rehabilitación de vivendas, por poñer algúns exemplos, para que se poidan ver beneficiados”.

Riveira tamén reivindica a necesidade de “garantir dende o Concello os servizos mínimos da súa competencia como son o saneamento ou o acondicionamento de camiños municipais”. A este respecto, o candidato popular lembra que “terá que volver o Partido Popular a gobernar en Xermade para renovar a depuradora de Momán que actualmente verte ao río de forma ilegal”. E, ante o abandono dos camiños, Riveira aposta pola súa conservación co obxectivo de que “lles sexan útiles no seu día a día aos agricultores e gandeiros, principalmente”.

Con respecto ao sector primario, o principal motor económico de moitas familias xermadesas, o candidato do PP á alcaldía cre necesario “mellorar a estrutura da propiedade co obxectivo de aumentar o tamaño das fincas e que, polo tanto, favoreza o crecemento das explotacións agrogandeiras”. A este respecto, engade tamén Riveira que “a Xunta xa contribúe a esta finalidade coas súas políticas de impostos cero para compras e permutas de propiedades no rural”.

O popular fai fincapé tamén na necesidade de “mellorar e ampliar o servizo de axuda no fogar para atender aos veciños e veciñas que o necesitan”. Nese senso, Riveira recordou “o incremento da aportación da Xunta que permite aumentar o servizo” e puxo en valor “o traballo do PP e Elena Candia á fronte do Goberno da Deputación que, durante tres meses, foi capaz de sentar as bases para un cambio de políticas sociais que contribuíron a incrementar as axudas dirixidas a quen máis o necesita”.

Por último, Riveira non quixo esquecerse do patrimonio arquitectónico, natural e cultural do municipio. “Temos que estar orgullosos do noso e da nosa historia”, manifesta. Así, tras apostar polo campo de traballo arqueolóxico na Neveira, propón tamén un museo de etnografía e antropoloxía en Xermade.

Currículo

Antonio Riveira é natural da parroquia xermadesa de Miraz e desenvolve a súa actividade profesional como enxeñeiro técnico agrícola nunha oficina técnica situada na parroquia de Xermade. A súa profesión permitiulle estar en contacto constante cos veciños e veciñas para dar resposta ás súas necesidades e asesoralos en asuntos técnicos.

É o presidente da asociación cultural Roteiros da Carba, unha entidade que nace co obxectivo de defender a conservación e difundir o patrimonio artístico e cultural da zona. O seu interese polo patrimonio artístico e natural do municipio queda reflexado nos seus estudos históricos. Con algúns deles conseguiu o primeiro premio do certame Xermade na Historia nas súas dúas edicións: na terceira cun traballo sobre o patrimonio do concello e na cuarta cun traballo en coautoría sobre o período prehistórico no termo municipal.

Forma parte da corporación municipal dende o ano 2003 como integrante da lista encabezada polo ex rexedor popular Tomás Rodríguez Arias. Dende entón exerceu como concelleiro de obras durante tres mandatos populares no municipio. Dende o 2015 é o voceiro municipal do PP e dende o 2017 preside tamén a agrupación local.