Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro de Rei pide responsabilidades polas pistas mal executadas

Por 21 Decembro, 2018Sin comentarios

Segundo indica o BNG, nos últimos días estanse a detectar en Outeiro importantes deficiencias en pistas construídas polo concello, “pistas que nalgúns casos levan feitas escasas semanas”.

“Isto ocorre, por exemplo, nunha vía que o concello abriu para dar entrada a unha nova fase do polígono industrial e que comunica a estrada de Castro de Ribeiras do Lea coa parroquia de Bonxe. Esta pista, que foi inaugurada con toda a publicidade hai unhas semanas polo alcalde e o propio señor Balseiro, está a afundirse literalmente en varios treitos e xa tivo que procederse a súa reparación, estando cortada incluso durante horas estes mesmos días”, indican.

Aseguran que o mesmo acontece con outra da parroquia de Robra, onde tamén se rexenerou hai uns meses e están aparecendo afundimentos totalmente inaceptables nunha obra destas características.

“No polígono industrial, aínda que as súas rúas levan máis tempo feitas, non tiveron practicamente ningún tráfico e aínda así, existen tramos que parecen auténticas “montañas rusas” polos afundimentos do firme, existindo outros que xa tiveron que ser reparados”, subliñan.

“Dende o BNG esixiremos que a reparación de todos estes fallos no deseño e construción destas pistas sexan repercutidos sobre as empresas responsables, ben sexa a que deseñou o proxecto, a que fixo o seguimento da obra ou a propia empresa construtora.

Aínda así, tamén pediremos que se investigue sobre os motivos que levaron a dar certificación da obra para o seu pagamento cando é evidente que estas obras tiñan serios defectos de execución”, avanzan.

A causa: a privatización total e os sistemas de contratación do concello

“Hai que lembrar que en Outeiro, a pesares de ter unha das maiores estruturas de persoal en función dos seus habitantes, privatiza absolutamente todo o que é factíbel de privatizar, incluído a redacción dos proxectos e o seu seguimento que corre a cargo de empresas privadas”, afirman.

O BNG de Outeiro xa vén denunciando dende hai tempo que as importantes deficiencias nos servizos e obras que está a facer o concello se deben en gran medida ao sistema de adxudicación totalmente caciquil que ten o alcalde, onde na súa gran maioría se adxudican por sistemas que non son de libre concorrencia. “En Outeiro utilízase o “dedo” do alcalde como principal mecanismo para decidir a empresa que fai os traballo ou os servizos e  logo pasan estas cousas” dixo o concelleiro do BNG.

Isto leva consigo que a calidade no traballo non sexa o importante á hora de adxudicar e logo iso repercuta na eficiencia dos servizos ou na rendibilidade das obras.