Skip to main content
Actualidade

Veciños denuncian que a Xunta non dispón de vacinas contra a gripe en plena campaña

Por 28 Decembro, 2018Sin comentarios

Veciños da provincia puxéronse en contacto co PSOE na provincia de Lugo para denunciar que o Goberno galego xa non ofrece vacinas contra a gripe cando estamos en plena campaña antigripal, pois iniciouse o 22 de outubro e finalizou hoxe 28 de decembro. Durante estes días, varios cidadáns tiñan cita no Centro de Saúde de Fingoi, na capital lucense, onde non puideron ser vacinados porque só había vacinas para persoas maiores de 75 anos. Ante esta situación, os profesionais deste centro sanitario tentaron facerse con novas vacinas poñéndose en contacto con outros ambulatorios, sen éxito. Por este motivo incluíron nos expedientes dos pacientes que non puideron ser vacinados por non ter en stock a vacina correspondente.

Os propios especialistas comentaban que se o Centro de Saúde de Fingoi, que presta cobertura a moitos habitantes de Lugo, tiña estes problemas, é que en centros de saúde da provincia de menor dimensión estarían con maiores dificultades. Os profesionais do centro explicaron aos veciños que tiñan o dereito de presentar reclamacións na Unidade de Prevención do HULA.

Por exemplo, lucenses que traballan no mundo da docencia e que forman parte dos grupos de persoas que teñen a recomendación do goberno galego de vacinarse non puideron facelo ante a carencia de provisións. Isto provoca graves prexuízos para estes cidadáns que en caso de enfermar unha semana perderían arredor de 200 euros por coller a baixa laboral.