Skip to main content
Actualidade

Un estudo analiza a condición física dos escolares galegos

Por 5 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O director da cátedra  SXD Galicia Activa, Eliseo Iglesias presentou á Secretaria  Xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle os primeiros datos de condición  física relacionada coa saúde rexistrados en escolares galegos mediante a plataforma  DAFIS.

Esta plataforma de utilidade pedagóxica utilizada nos centros escolares públicos galegos adscritos ao Plan  Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, permite a avaliación da condición física saudable no desenvolvemento da propia materia de Educación Física. Así mesmo, demóstrase a potencialidade da Plataforma galega para a valoración da condición física saudable, no seguimento dos plans de vida activa implantados nestes centros educativos escolares.

Os datos recolleitos en máis de 109 centros ao longo destes 5 anos mostran unha distribución por sexos moi similar á reportada polo Instituto  Galego de Estatística para a poboación escolar galega matriculada en centros públicos.

En canto aos datos obtidos, a análise do Índice de Masa Corporal (IMC) reflicte unha prevalencia de escolares en niveis de sobrepeso ou obesidade de en torno ao 38%, o que se axustaría aos resultados epidemiolóxicos publicados por outros organismos.

Finalmente, en torno ao 60% dos escolares mostraron uns niveis de condición física moderado, alto ou moi alto. No caso concreto da condición  cardiorrespiratoria, na maioría dos grupos de idade constátase que máis do 50% da mostra superaba o punto de corte identificado na literatura científica como  estimador de risco de enfermidade cardiovascular.

Globalmente, constátase a utilidade de  DAFIS como instrumento pedagóxico e eficiente desde a perspectiva do seguimento dos niveis de condición física relacionada coa saúde na poboación escolar galega.