Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PP confía en Agustín Baamonde para revalidar a maioría absoluta en Vilalba

Por 30 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O PP confía en Agustín Baamonde para revalidar unha nova maioría absoluta en Vilalba. O avogado e actual rexedor foi proclamado onte candidato por aclamación do comité executivo local. Nese senso, Baamonde agradece “o apoio unánime e a mostra de confianza que tratarei de recompensar con traballo e coa elaboración dunha lista competitiva para gañar as eleccións”.

A presidenta do Partido Popular da nosa provincia, Elena Candia, destaca “a súa dilatada experiencia política tanto no eido municipal coma provincial ou autonómico onde formou parte do Grupo Popular entre os anos 2005 e 2016”. Igualmente, a dirixente popular manifesta que “Agustín Baamonde ten demostrada unha gran capacidade de xestión ao fronte do Consistorio vilalbés” e, polo tanto, non dubida en que “seguirá traballando polo futuro de Vilalba”.

O candidato popular afronta estes novos comicios electorais coa idea de “revalidar a maioría necesaria para poder gobernar a pesar das dificultades que poida supoñer o actual panorama político”. Con todo, confía “na forza do Partido Popular en Vilalba”.

Baamonde explica que “agardamos contar coa confianza dos veciños e veciñas para continuar cos proxectos pendentes que garantan o futuro de Vilalba”. Concretamente o popular cre que “é necesario ampliar o polígono para dar resposta á escaseza de solo industrial” e tamén se plantexa como obxectivo de futuro “o Plan Xeral, a dinamización do rural e a prestación de servizos sociais”.

Igualmente, o actual rexedor e candidato popular á alcaldía de Vilalba manifesta o seu compromiso por “traballar polo desenvolvemento do municipio e na procura de solucións ao problema xeneralizado do despoboamento dando tamén resposta ás necesidades reais dos vilalbeses e atención aos nosos mozos e maiores”.

Agustín Baamonde é avogado. En 1990 foi elixido alcalde en substitución de José María García Leira e nas eleccións de 1991 gañou por maioría absoluta revalidándoa nas seguintes eleccións. En maio do 2005 deixou a alcaldía ao ser elixido deputado no Parlamento de Galicia e de novo en novembro do 2016 volveu á alcaldía en substitución de Gerardo Criado que foi elixido senador. Tamén foi deputado provincial entre o 1991 e o 2005.