Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba reproba ao goberno por non ter presentados os orzamentos

Por 31 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista vén de facer unha crítica ao goberno de Agustín Baamonde tras a convocatoria do pleno deste mes de xaneiro. Para os socialistas, sen a presentación dos orzamentos, os populares teñen convocado este pleno como “mero trámite” desaproveitando unha oportunidade para debatir as partidas económicas deste ano.

Desde o PSOE consideran os orzamentos como “principal ferramenta de xestión”, en palabras da voceira socialista, Elba Veleiro, de modo que censuran “o retraso na presentación dos mesmos tendo en conta que teñen a maioría absoluta para facelo. Neste senso, subliñan que “en todos os anos desta lexislatura retrasaron 4 ou 5 meses a presentación destes orzamentos”.

Por outra banda, os socialistas afirman que Baamonde “goberna a base de decretos”, pois no ano 2018 existen “un total de 404, e no que levamos de ano case chegan aos 90”. Ademais, a meirande parte dos decretos “teñen reparos de legalidade”, asegura Veleiro. Así, “a falta de talante democrático encuberto do alcalde agrava cada día máis a situación de debilidade do goberno popular”.

Feira dos capóns
Ante a preocupación dos socialistas pola deriva que tomou nos últimos anos a Feira dos capóns, presentarán neste pleno unha moción para acordar “dar pulo a este evento na liña de que aumente o número de criadores e que existe unha maior presenza de capóns na feira”. Para iso, o PSOE proporá 8 puntos que se resumen na petición ao concello dunha partida para fidelizar aos criadores dados de alta no correspondente rexistro, así como unha liña de subvencións directas para criadores que presenten polo menos 6 pares de capóns na feira e tamén por unidade de capón; ademáis, pedirán que se coloquen exclusivamente etiquetas e marchamos identificativos aos capóns presentes na feira, que as caixas co distintivo “capóns de Vilalba” só se subministren no propio recinto para embalar capóns debidamente identificados. Finalmente, os socialistas solicitarán que o Concello deixe de utilizar os capóns como agasallo institucional e que organice actuación de diversa índole, sempre coa temática do capón como elemento troncal nas datas da feira.

Plan Terra Chá
O Partido Socialista presentará na defensa dunha moción que o executivo local se dirixa ao Presidente da Xunta de Galicia para que poña en marcha un Plan Terra Chá, de xeito que asegure inversión a maiores das que xa se ían a realizar nos distintos sectores de actividade económica chairega.

Esta medida responde á intención propositiva dos socialistas no eido do desenvolvemento socioeconómico e dunha reacción responsable ante a perda de poboación que sofre a provincia e a comarca.

Rogo
Ademais da comparecencia das edís de Servizos Sociais e Educación respecto do cambio de criterio do Concello no que concirne ao servizo de madrugadores, anunciado estes días polos socialistas, presentarán na sesión plenaria un rogo para que se proceda á inmediata reposición da cuberta do alcantarillado situado nas inmediacións do Centro de Saúde.