Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O PP confía en Teixido como candidato para recuperar a Alcaldía do Concello de Guitiriz

Por 4 Febreiro, 2019Febreiro 6th, 2019Sin comentarios

Xosé María Teixido repetirá como candidato do PP á alcaldía de Guitiriz tras unha reunión celebrada cos afiliados no que foi elixido por unanimidade. O empresario preséntase á alcaldía convencido de que o Goberno do PSOE supuxo catro anos perdidos para o Concello “nos que todo se paralizou”.

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, felicita ao partido por seguir unido e traballando por Guitiriz e valora o traballo realizado ao longo destes catro anos por Teixido á fronte da oposición, ao tempo que o anima a recuperar a alcaldía para tratar de sacar ao Concello do declive no que o meteu o Partido Socialista.

Recorda así mesmo que “durante o mandato do popular estabamos nun momento de recesión económica importante e que o PSOE está a recibir importantes  investimentos da Xunta que, cunha boa xestión municipal, darían outros resultados”.

Teixido reivindica a volta á alcaldía dun partido “estable e traballador” no que o centro serán os veciños e veciñas, todo o contrario do que acontece coa alcaldesa, incapaz de alcanzar acordos con outros Grupos políticos con representación municipal. “A súa prepotencia obriga sempre a tratar os asuntos por urxencia e impoñer o que ela quere, de maneira que non goberna pensando en Guitiriz senón só nuns poucos”, lamenta.

O popular critica que Regina Polín fixera oídos xordos ás propostas que aconsellaban que a Casa da Botica non é o emprazamento adecuado para a residencia de maiores e, defendendo a necesidade da súa construción, Teixido asegura que a decisión da rexedora suporá unha hipoteca para o Concello que “teremos que pagar todos os veciños e veciñas”.

Teixido aposta por traballar “para todos” e preocuparse porque non se sigan perdendo empregos, en alusión ao recente peche de dúas empresas emblemáticas no municipio e denuncia a inexistencia de xestión por parte dos socialistas no polígono industrial.

Por último, o candidato defende a súa aprendizaxe e experiencia ao longo destes 8 anos, 4 deles no Goberno como alcalde e catro na oposición, o que, xunto coas ganas e ilusión, o sitúa nunha posición de fortaleza de cara a gobernar os próximos catro anos.