Skip to main content
ActualidadeXermade

Os xogadores da SD Cazás desfrutan dun campo renovado

Por 4 Febreiro, 2019Sin comentarios

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, supervisaron as obras de peche e renovación do céspede executadas no campo de Catro Ventos en Cazás, no Concello de Xermade. Estas actuacións eran unha demanda dos xogadores e directiva do equipo local á que deron resposta o goberno provincial e municipal. O Executivo da Deputación achegou 20.000 euros para a construción dun muro arredor do campo para evitar a entrada de animais salvaxes que poidan danar o terreo de xogo, mentres que o Concello sufragou a reposición do céspede que se atopaba deteriorado.

Rivera Capón subliñou que “con estes traballos buscamos, por un lado, renovar o terreo de xogo, que se atopaba en malas condicións para a práctica deportiva polas reiteradas incursións de xabarís, o que obrigou ao club da parroquia a utilizar outro campo; e por outro, evitar que este problema se repita construíndo un novo valado que garanta que o céspede non volva a verse afectado pola incursión destes animais”.

O Deputado engadiu que “desde o Executivo Provincial, amosamos unha vez máis o noso compromiso co deporte lucense e cos nosos deportistas, indistintamente da categoría na que compitan, ou do Concello do que esteamos a falar”.

A intervención responde a unha demanda dos xogadores do SD Cazás, que a tempada pasada sufriron os danos causados pola entrada de xabarís no seu campo. Os traballos executados na instalación permitiron a plantación dun novo céspede e a construción dun muro de formigón e malla arredor do terreo de xogo, que garante que os animais non poidan volver a estragar o céspede. A SD Cazás é un equipo que milita no Grupo 8 na Terceira División Galega.