Skip to main content
Actualidade

José Pardo Lombao repite como candidato do PP á Alcaldía

Por 14 Febreiro, 2019Sin comentarios

José Pardo Lombao será o candidato do PP en Outeiro de Rei onde é alcalde dende fai máis de 21 anos co respaldo dos veciños e veciñas con maiorías absolutas nas distintas convocatorias electorais. O popular manifesta, ante os novos comicios de maio, a súa intención de “seguir traballando para que Outeiro de Rei sexa un concello atractivo para vivir e traballar” apostando por “ofrecer servizos e actividades lúdicas, facilitar a conciliación e fomentar a implantación de empresas”.

A presidenta do Partido Popular da nosa provincia, Elena Candia, destaca “a xestión do goberno popular no Concello de Outeiro de Rei logrando que o municipio incrementara nu 20% a súa poboación nos últimos 20 anos en contra da tendencia ao despoboamento que viven os municipios rurais da nosa provincia”. Nese sentido, a presidenta dos populares lucenses quixo lembrar, entre outras medidas, “a implantación de servizos na procura da conciliación da vida laboral e familiar onde o Concello de Outeiro de Rei é un referente”, manifestou Candia.

A ese respecto, o candidato popular sinalou que “agardamos que o crecemento da poboación experimentado no noso municipio se manteña no tempo” e, nese sentido, amosa a súa intención de “seguir traballando para ofrecer servizos aos veciños e veciñas de tódalas idades para que Outeiro de Rei sexa un lugar atractivo para asentarse”.

Concretamente, Pardo Lombao destaca o programa de conciliación implantado en Outeiro de Rei que “permite que os nenos e nenas de entre 3 meses e 12 anos conten con atención durante máis de 12 horas ao día tódolos días do ano excepto sábados, domingos e festivos”. Pero tamén ten implantado o goberno local importantes servizos sociais para os maiores coma o de axuda a domicilio, prazas públicas nunha residencia privada do municipio e o recentemente implantado servizo de respiro familiar que permitirá aumentar as horas de atención a persoas dependentes un día ao mes para facilitar ás persoas coidadoras que realicen viaxes ou outras xestións”. Pardo Lombao recorda que “o Concello de Outeiro de Rei ten implantado tamén un programa de actividades de estimulación para persoas dependentes de grao elevado”. E especialmente dirixido aos maiores do municipio, “desenvólvense talleres de memoria ou ofrécese o servizo de podoloxía”.

Ademais, o rexedor popular destaca “o importante investimento da Xunta na ampliación do colexio de Educación Infantil e Primaria do municipio que pasou de ter unha soa aula por curso escolar e a contar con dúas para o vindeiro curso” para atender a demanda de matrículas debido ao incremento da poboación e, polo tanto, de nenos e nenas.

O candidato popular engadiu tamén que “dende o goberno local apostamos por un parque industrial ben situado e cun importante crecemento” que ofreza tamén oportunidades laborais aos nosos veciños e veciñas.

Pardo Lombao pon tamén en valor que “a pesar de que Outeiro de Rei é un municipio moi disperso, conta cunha importante rede de estradas, cunha boa rede eléctrica en tódolos barrios e tamén unha rede de abastecemento de auga que chega a tódolos núcleos de poboación”.

Vindeiros proxectos
O candidato do PP explica que “pretendemos implantar no municipio un centro de día e da terceira idade no vindeiro mandato”, ademais de “seguir traballando para o desenvolvemento de máis infraestruturas culturais e deportivas”.

Así mesmo, aposta por potenciar o sector turístico en Outeiro de Rei aproveitando os nosos recursos. Nese sentido, Pardo amósase convencido de que “é un sector económico tamén a ter en conta” e para o que ata agora traballamos fomentando a implantación de casas de turismo rural e no deseño dunha ruta de sendeirismo”.

Tamén avanza que “o goberno local traballa tamén na potenciación da riqueza forestal e o coidado do medio ambiente seguindo as políticas anti-incendios”; ademais de “apoiar o sector agrario”.

Currículo
José Pardo Lombao converteuse en alcalde do Concello de Outeiro de Rei no ano 1998, pero xa formaba parte da vida política do municipio dende o 1983. Como cabeza de lista do PPdeG nas distintas convocatorias electorais resultou elixido por maioría absoluta. Tamén é deputado provincial.