Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta aproba un novo Código Ético no que se limita a retribución do alcalde

Por 15 Febreiro, 2019Sin comentarios

O Candidato á Alcaldía de Vilalba Aberta, Modesto Renda, percibirá, de ser o vindeiro alcalde, un máximo salarial neto de 25.794€ (2,7 Salarios Mínimos Interprofesionais). Así o ven de aprobar a asemblea da formación, no marco dun novo Documento Ético que se proxecta substituto do redactado para Lexislatura 2015/2019.

Un novo código de prácticas e accións concretas, de obrigado cumprimento para os cargos electos de Vilalba Aberta, e que os 20 membros da candidatura deberán asinar, a fin de “asegurar unha xestión política comprometida e próxima á veciñanza, con mecanismos eficaces de transparencia e rendición de contas e con espazos reais de participación e decisión dos vilalbeses/as nos asuntos públicos.”

Nesta liña, tamén se expoñen diversos compromisos e medidas que teñen como obxectivo garantir que todos eles/as poidan dedicar o tempo necesario á xestión política e ás funcións públicas e, ao mesmo tempo, “acabar cos privilexios dos que, dende hai moitos anos, é beneficiaria a clase gobernante vilalbesa.”

Un compromiso de ética política que, tal e como apuntan dende a formación, “parte da confianza e o compromiso que esta candidatura mantén coas persoas que ocuparán un cargo de responsabilidade pública, ademais de significar un mecanismo de apoio, supervisión e control á súa tarefa.”

Representación, fiscalización e rendición de contas

“Respectar o establecido no programa; facer públicas as axendas, a fin de que a veciñanza saiba con quen se reúnen os seus representantes, así coma os diferentes temas que se tratan; e render contas diante da veciñanza, ben sexa de xeito presencial ou virtual.” Un marco de fiscalización veciñal, que figuraba xa no Documento de 2015 e que se vén a completar pola vía da delimitación dunha periodicidade límite, isto é: “no caso de se tratar de cargos electos de Vilalba Aberta membros do vindeiro Goberno Municipal, nunca poderán pasar máis de 3 meses entre asembleas de rendición de contas abertas a toda a veciñanza.”

A este respecto, o documento especifica, ademais, que os cargos electos da formación terán a “obriga de atender de xeito inmediato aos colectivos/asociacións que así o demanden”. No caso de se tratar de solicitudes individuais de veciños/as, contarán con “un prazo límite de 48h para fixar data, lugar e hora de reunión”.

A obriga de aceptar a censura (e revogación, no seu caso) por mala xestión ou por incumprimento flagrante e non xustificado do programa, de acordo cos principios políticos de Vilalba Aberta, será posible a través do proximamente establecido no programa electoral, en termos de mecanismos de garantía e avaliación veciñal. Un verdadeiro avance, pois a veciñanza terá por primeira vez o dereito de participar activamente no control e seguimento da labor dos seus representantes.

Garantir a participación da veciñanza na toma de decisións; facelo especialmente no que ten que ver co seu posicionamento sobre temas estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico; así coma impulsar o laicismo, pola vía da primacía da liberdade de conciencia (é dicir, sen apoiar ningún culto nin ningunha relixión)… preceden a dúas das máis importantes aportacións con vistas a nova lexislatura.

Trátase, por unha banda, da blindaxe anti-transfuguismo, pola vía do “compromiso á renuncia da acta de concelleiro/a, de tomarse a decisión de non seguir participando da asemblea e/ou por diferenzas de criterio no ámbito do Grupo Municipal.” Por outra, a firma do documento demandará dos concelleiros/as de Vilalba Aberta “esixir e respectar que todo pacto postelectoral parta do debate e posterior ratificación da asemblea.”

Limitación salarial e supresión de privilexios

O novo Documento Ético, compromete tamén aos integrantes da candidatura de Vilalba Aberta, co obxectivo de combater a profesionalización da política e a fin da supresión de privilexios.

É por isto que, deberán “renunciar a todo agasallo e/ou privilexio derivado da transitoria condición de cargo público, que poida significar un trato de favor con respecto ao resto da veciñanza ou coartar a independencia política da candidatura.”

A antedita limitación salarial de 25.794€, figura concretada e ampliada, en tanto que “limitación salarial tope de 1816,7€ netos en 14 pagas (2149,5€ de salario mensual neto prorrateado), isto é: un máximo de 2,7 SMI de 2019 para o Alcalde (e calquera cal fora a dedicación exculsiva dentro dun Goberno Municipal) e de 1 de SMI (817,3€ mensuais netos en 14 pagas) para as posibles dedicacións parciais.

Unhas retribucións, que tal como argumentan dende Vilalba Aberta “ son garante dunhas condicións máis que dignas para exercer as responsabilidades e funcións que comportan os diferentes cargos asumidos.”

A aceptación dunha limitación de mandato de goberno a un máximo de 3 lexislaturas consecutivas, excepcionalmente prorrogable a unha máis (sempre que se dea un proceso de discusión e validación veciñal), completa un compromiso público sen precedentes na política municipal vilalbesa e que vincula, ademais, a todo cargo electo da formación con responsabilidades de Goberno na vindeira lexislatura a “impulsar os instrumentos e mecanismos legais necesarios para que estes principios éticos se convertan en norma obrigatoria para todos/as na administración local.”

Consulta o documento ético neste enlace