Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba investirá medio millón de euros no rural

Por 7 Abril, 2019Sin comentarios

O alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, indicou que investirán este ano medio millón de euros para diferentes actuacións no medio rural. Ademais do rebacheo de camiños inclúense os cursos de dinaminación nas parroquias así como a construción de oito novo puntos de recollida de plásticos agrícolas. Deste xeito terminarase coa construción destas infraestruturas das que xa están feitas tres, oito que se farán este ano e as outras oito que se farán o que vén.

Baamonde indicou que o Concello investirá 300.000 euros do Plan Único nas obras de rebacheo das estradas de Alba a Buriz e de Corvite a Román e destinarán outros 124.000 do Plan de Camiños da Xunta a arranxar o Camiño da Ribeira en Belesar.

O Pleno do Concello de Vilalba aprobou na última sesión o modificación do contrato de redacción do PXOM para reiniciar o Plan Xeral. Este paso foi necesario debido ao cambio de titularidade da empresa que estaba a redactalo e das modificacións introducidas pola nova lei do Solo. Na actualidade a empresa encargada do Plan Xeral é Alfonso Botana SM. O obxectivo do Concello é poder desenvolver este plan ao longo do ano que vén.

Por outra banda, tamén foi aprobada a modificación das normas subsidiarias para resolver o problema do grupo Pedrosa Latas, as casas baratas, no que existía un problema coas edificacións que faltan e que impedía dar licencias. Esta modificación inclúe a ordenación da zona e a eliminación dunha rúa fantasma no Cotarón, unha rúa imposible de executar, que non deixa edificar e impide que se poda facer a rúa.

Tamén trataron a modificación da calificación de solo dotacional, dese mesmo proxecto, e que afecta a zonas que existían pero non estaban calificadas, como é o caso do cuartel da Garda Civil.

Levaron tamén ao Pleno a ordenanza para a posta en marcha dos pivotes na rúa Basanta Silva. Unha vez aprobada esta ordenanza e antes de poñelos en funcionamento dita ordenanza deberá ir a exposición pública novamente por 30 días máis. Segundo indicou o alcalde, cando esté aprobada esta fase procederase á instalación do pivote automático.

O alcalde anunciou tamén que o proxecto de posta en marcha das cámaras de vixilancia no polígono industrial non se levou a este pleno por falta de tempo pero tentarán incorporalo á orde de día do próximo. Segundo indicou Baamonde, trátase dun proxecto complexo que implica un gran traballo para facelo “correctamente e para que logo non xurdan problemas”.