Skip to main content
ActualidadeVilalba

Agora Si, o lema de Vilalba Aberta de cara ás Eleccións Municipais

Vilalba Aberta fixo público o que será o seu lema para a campaña electoral das Municipais Agora Si.

María Xosé Fernández, numero dous da formación, acompañada das número 4, 6 e a primeira reserva da candidatura: Mónica González, María Pérez e Iria Currás, respectiva mente; foi a encargada de presentalo, nunha rolda de prensa na que estivo tamén presente o Candidato á Alcaldía e voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda.

Segundo  explicou Fernández, o lema pretende ser un chamamento “a todos eses veciños e veciñas, heroínas e heroes cotiáns, que nos últimos anos se apertaron o cinto, seguiron tirando para adiante, seguiron a facer milagres coas economías familiares; pero que sentían que ningunha forza política os representaba, pasando a engrosar as filas da abstención.”

“Nestes últimos 4 anos moitas e moitos deles nos escribiron, confiaron despois de anos sen confiar en ningún partido e viron como as súas problemáticas chegaban unha a unha ao salón de Plenos” lembrou Mónica González.  

“A abstención é a segunda forza política do Concello”, e é por isto que queremos dicirlle a toda esa veciñanza, veciñanza farta do clientelismo e o desgoberno, mais tamén farta da política e do tradicional “ti máis” entre Goberno e a oposición, que se o 26 de maio volven a confiar, agora acudindo masivamente ás urnas, agora si, podemos gañar un Concello para a xente.” Apuntou, a este respecto Iria Currás.

En palabras de María Pérez: “As próximas eleccións municipais en Vilalba poden ser un antes e un despois. E en Vilalba Aberta entendémolas coma o momento para o que nacemos. Vilalba é unha terra de xente traballadora, convivencia, tolerancia e solidariedade. Por iso, cremos, toca estender o exemplo e a capacidade de esforzo da veciñanza ao Concello, logo de 40 anos do mesmo e máis do mesmo. Os vilalbeses e as vilalbesas somos mellores que iso e queremos demostralo”

Agora Si coma lema de campaña pretende ser tamén unha resposta a todos eses vilalbeses e vilalbesas que, “durante estes últimos 4 anos nos dixeron, pola rúa ou polas redes, que no ano 2015 confiaron no Partido Popular ou que son tradicionais votantes doutras forzas políticas da oposición; pero que se puideran dar a volta atrás e logo de coñecernos nas institucións e poder contrastar o noso traballo, confiarían sen dubidalo en Vilalba Aberta” apuntou o voceiro e Candidato á Alcaldía da formación, Modesto Renda. “Agora Si, porque queremos construír un Concello con eles. Unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común, independentemente de onde veñan ou do que votaran no pasado: baixo esa premisa naceu Vilalba Aberta e baixo esa premisa deseñamos esta campaña.