Skip to main content
ActualidadeMeira

O PP de Meira asegura que se goberna o fará con “rigor, transparencia e constancia”

Por 14 Maio, 2019Sin comentarios

O PP de Meira asegura que se goberna o fará con “rigor, transparencia e constancia”. Así o puxo de relevo o seu candidato, Carlos Veiga, durante o mitin celebrado esta tarde, e no que tamén participaron o conselleiro de Medio Rural, José González, e  o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro.

E para iso presentan un programa para “romper con dúas lexislaturas do actual Goberno durante as cales o concello se viu sumido nunha especie de letargo no que non avanzou en ningún aspecto”. “Investíronse inxentes cantidades de cartos en facer innecesarios lavados de cara, e vender obrigas como favores aos veciños, pero mentras, seguimos sen Plan Xeral, o solo industrial está esgotado, estamos perdendo poboación e están pechando negocios”, critican.

A este respecto, destacou que “o noso reto como equipo de goberno é reverter esta tendencia, dando prioridade a toma de medidas necesarias para que poidan medrar as empresas e os negocios instalados no Concello e atraer novos inversores, así como mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.

Principais medidas

Como principais iniciativas, e en relación coas palabras do candidato, buscarán a ampliación do solo industrial, tan demandado por empresas xa asentadas no Concello; darán prioridade a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal; impulsarán a mellora da rede de abastecemento de augas, tendo en conta que se poida garantir o subministro as empresas asentadas no Parque Empresarial e os gandeiros, que son uns dos piares fundamentais da economía do concello; procurarán a mellora do saneamento das zonas rurais; ou ampliarán o número das tan necesarias prazas de aparcadoiro, “que por desgraza se viron recentemente reducidas por mor dunhas obras de maquillado da Praza Maior levadas a cabo polo actual goberno, totalmente innecesarias, e que deixaron un fondo burato nos bolsos dos contribuíntes”, defendeu.

Natureza, patrimonio e ocio

Dado que este municipio dispón de recursos naturais e culturais moi importantes tamén levarán a cabo actuacións moi concretas nesta materia. “Temos o Pedregal de Irimia berce do Pai Miño, un ben que convén conservar e divulgar, e precisamente para isto cóntase cunha Aula da Natureza completamente dotada de servizos, pero totalmente infravalorada polo actual goberno, o cal a condenou ao abandono, manténdoa pechada e cuberta de maleza. Nos trataremos de poñer en valor os recursos naturais, mediante a apertura da Aula Natureza, e a creación de rutas e visitas guiadas, como por exemplo coa conexión do Pedregal de Irimia co núcleo de Meira por medio dun paseo fluvial”, advertiu o candidato popular.

O mesmo acontece o patrimonio cultural. “Vivimos nunha Vila que medrou en torno a un Mosteiro do século XII, e atópase no trazado dun dos Camiños de Santiago, a Vía Rexia.  Pois tratárase de poñer en valor e dar a coñecer este Patrimonio mediante labores de conservación, sinalización e divulgación”. Tampouco esquecerán as feiras quinquenais. Neste senso, tratarán de potenciar e dinamizar este tipo de mercados, aos que se pretende engadir unha grande feira sectorial anual.

Traballarán para a creación dun local que albergue a escola de música e, no eido deportivo, inclúen a construción dunha pista de múltiples disciplinas, que dea cabida a diferentes modalidades deportivas.

Se goberna o PP, hai xestión e resultados

Na mesma liña, e durante o encontro no que tamén participaron o conselleiro de Medio Rural, José González, e o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, expuxo que cando “o PP goberna, nótase na xestión e nos resultados”. Proba delo é que a administración autonómica, dirixida polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, é a que máis inviste con diferencia neste municipio. Só en 2018 o Executivo de Feijóo achegou a este municipio preto de 1,4 millóns de euros; un importe ao que lle hai que sumar o custe de manter ao 100% servizos públicos como o colexio, o instituto, o centro de saúde, a gardeiría ou o SAF, explicou Balseiro.