Skip to main content
Actualidade

As Pontes acolle esta fin de semana a XIX edición da Festa do Camioneiro

Por 17 Maio, 2019Sin comentarios

O Concello das Pontes organiza, en colaboración coa Asociación do Colectivo do Transporte de Carbón, unha nova edición da Festa do Camioneiro que chega xa á súa edición número dezanove.

A celebración, coa que se rende homenaxe a un dos sectores económicos máis importantes do municipio, levarase a cabo ós días 18 e 19 de maio e conta cun amplo programa de actividades que arrincarán o sábado, 18 de maio, ás 09.00 horas, coa concentración de camións, na Casilla, que percorrerá, a partir das 10:00 horas, as principais rúas das Pontes, ruta que rematará ás 11:30 horas co aparcamento dos camións na Canle IV.

Ás 13:00 horas celebrarase, na Praza de América, unha misa e a continuación, a partir das 13:30 horas, darase paso á sesión vermú e, unha vez rematada, ás 14:30 horas os participantes, trasladaranse ata o patio do colexio Santa María para gozar dun xantar popular.

Pola tarde, ás 18:00 horas, haberá, na Canle IV, unha exhibición de coches de rallyes para adultos e nenos e tamén de karts para os máis pequenos e; desde as 20:00 horas, veciños e amantes do mundo do motor poderán asistir a unha exposición de vehículos antigos e novos, cun photocall. Este ano contará esta mostra cun prototipo único no mundo, un Pegaso dos primeiros fabricados, entre outros.

A celebración continuará a partir das 22:00 horas na Praza da América cunha verbena e a partir das 24:00 horas realizarase o sorteo de diferentes agasallos.

Este ano a celebración volve prolongarase ata o domingo, con diferentes actividades do mundo do motor e do transporte.