Skip to main content
Actualidade

Máis de 500 rapaces gozaron do baloncesto na Copa Deputación

Por 22 Maio, 2019Sin comentarios

O maior evento do baloncesto provincial celebrouse este domingo no Pazo Universitario, máis de 500 rapaces e rapazas de 45 equipos procedentes de toda a provincia. A competición, organizada polo CB Ensino, coa colaboración da Deputación, contou con equipos das categorías: baby basket mixto, benxamín mixto, feminino e masculino; alevín feminino e masculino e infantil feminino e masculino.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Presidente do Club Durán Maquinaria Ensino, Manuel Durán Ónega, a directora técnica, Ana Ónega, e a xogadora do primeiro equipo, Fiona ODywer, participaron na entrega de premios aos equipos que lograron as primeiras posicións no campionato.

O torneo non supuxo gasto para os clubs participantes, pois a inscrición era gratuíta e os gastos de transporte estaban financiados pola organización. O seu obxectivo principal é o fomento do deporte de base, facendo da xornada unha festa do baloncesto e transmitindo os valores propios dos deportes de equipo; ademais de promover o baloncesto feminino, para acadar a igualdade de xénero.

Rivera Capón explicou que “este evento mostra a nosa forma de entender deporte: máis de 500 nenos e nenas de toda a provincia desfrutan dun día de deporte, compañeirismo e valores, co apoio do Goberno da Deputación. Apostamos polos clubs e os equipos de toda a provincia, desde a base ata os equipos profesionais, facendo do deporte un eixo estratéxico deste goberno, que garante a continuidade e o nivel deportivo que neste momento ten a provincia”