Catro arquitectos, co respaldo da asociación veciñal, iniciarán proximamente un proceso participativo co que pretenden elaborar un proxecto técnico para poder rehabilitar e restaurar a deteriorada área fluvial de Cabreiros, en Xermade.
O proxecto iniciouse fai dous anos cando xurdiu a idea, pero non foi ata fai uns meses cando se formou o grupo de traballo baixo o lema Xermade mola e dirixido por Elena Pena, arquitecta e veciña de Cabreiros, que será a encargada de dirixir o grupo, no que tamén participan Inés Pérez, Diego Trincado e Raquel Quintáns.
O primeiro paso deste proxecto, co que buscan devolver a área fluvial ao estado que presentaba fai unhas tres décadas é promover unha reunión cos veciños antes do mes de setembro para que poidan facer as súas achegas ou entregar material documental e fotografías sobre este espazo natural de Cabreiros.
A intención é recuperar non só a zona de baño, senón toda a contorna. As obras da autovía afectaron á auga, a vexetación está alta e a falta de mantemento provocou inundacións e numerosas desfeitas.
Durante as décadas dos 80 e os 90, a área fluvial de Cabreiros era un punto de atracción para veciños de diferentes puntos do municipio de Xermade e de fóra del. Nas súas augas cristalinas chegáronse a promover cursos de natación
e ata de piragüismo pero hoxe é unha ciénaga. Por aquel entón, as súas augas eran un reclamo turístico, e recibía decenas de visitantes e ata se impartían cursos.