Skip to main content
ActualidadeVilalba

Comezaron as obras de remodelación da avenida da Terra Chá de Vilalba

Por 3 Xullo, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba comezou xa coas obras de remodelación na avenida da Terra Chá, antes travesía da antiga estrada LU-126, o vial transferido no ano 2010 á Administración local.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste máis de 650.000 euros no acondicionamento desta vía, tal e como prometera cando esta foi transferida. Esta intervención promove a mellora na travesía urbana que comunica o centro de Vilalba coa estrada LU-120, saída cara a Meira, con beirarrúas en ambas as dúas marxes, calzada de 7 m de ancho, e aparcadoiros a ambos os dous lados.

As actuacións proxectadas supoñen tanto unha mellora do nivel de servizo da infraestrutura, coma unha optimización da seguridade viaria.

Máis en concreto, os traballos incluirán a renovación das beirarrúas que se atopan deterioradas e non son axeitadas desde o punto de vista da accesibilidade, a rehabilitación do firme da travesía, de algo mais 1 km, e o repintado da estrada. Ademais, colocarase un tramo de novo colector de saneamento de 365 metros na marxe dereita do vial, dende a rúa Mondoñedo ao final da travesía, para evitar as filtracións que se veñen producindo na rede actual.

Segundo establece o convenio de colaboración, o Concello de Vilalba asume a obriga de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras obxecto deste convenio, redacción de documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas. E o departamento de Infraestruturas da Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume o compromiso de financiar os gastos de execución destas obras.

A actuación pretende garantir a seguridade viaria para os distintos usuarios e comparte os obxectivos Plan Move e do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2010.