Skip to main content
Actualidade

Tomé presenta a composición da Deputación, planificada para ser “o máis útil posible á provincia”

Por 27 Xullo, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé, acompañado de deputados do grupo provincial socialista, presentou a composición do Goberno dos vindeiros catro anos, planificado, subliñou, “para ser o máis útil posible á provincia, a través dos Concellos e do tecido asociativo”. Así, a estructura e designación de áreas de actuación teñen como obxectivos fundamentais “responder coa máxima eficacia ás necesidades dos Concellos e dos veciños e veciñas e  impulsar o desenvolvemento da provincia a través do reequilibrio e a cohesión social e territorial”.

Tomé definiu ao grupo de deputados e deputadas socialistas como “un equipo sólido, cunha longa experiencia na gobernanza e xestión da administración pública na que acadamos resultados moi positivos nos nosos respectivos cometidos, e, sobre todo, temos moita iniciativa e ganas de traballar pola provincia con honestidade, eficiencia, diálogo, transparencia e proximidade á cidadanía”.

Ademais das funcións propias da Presidencia, como dirixir o Goberno e a Administración, representar á Deputación ou convocar e presidir os Plenos, entre moitas outras, José Tomé asume a área de Xestión Territorial, que inclúe as materias de Vías e Obras, Parque Móbil e Unidade de Proxectos. O Presidente tomou esta decisión, segundo explicou, porque, “ademais de coordinar e dirixir o Goberno, quero implicarme directamente na xestión para impulsar e garantir o reequilibrio social e territorial do que falaba. É unha cuestión á que lle vou prestar total empeño e dedicación, non só establecendo este obxectivo como directriz transversal en todo o Goberno, senón dirixindo a área de Xestión Territorial, tal e como fixen no pasado mandato no Concello de Monforte, e parece que deu bo resultado”.

Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. Pilar García Porto será a Deputada responsable, e tamén será, como xa anunciou o mércores o Presidente, a voceira socialista do Goberno. Despois de 8 anos asumindo distintas responsabilidades na Deputación, a deputada “coñece perfectamente esta casa e a súa xestión, ademais de ser técnico especialista en Hostalería e Turismo”, indicou José Tomé.

Área de Promoción Económica e Social. Estará ó cargo de Pablo Rivera Capón, “unha persoa que igualmente acumula xa unha dilatada experiencia de xestión tanto no ámbito privado como público, e nesta institución, en diversos eidos relacionados coa delegación que agora vai asumir”, sinalou o Presidente. Esta área leva aparelladas as materias de Proxectos Europeos, Innovación e TIC,s, Transparencia, Emprego e Benestar Social.

Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas. Desta competencia seguirase ocupando, como no último mandato, Mayra Gómez Bermúdez “pola súa formación académica”, explicou Tomé, “pola súa traxectoria, e porque as cousas cando van ben e funcionan, non hai que cambialas. Este é un exemplo”.  

Área de Participación Cidadá. O Presidente decidiu dedicarlle unha área específica a esta materia porque “lle queremos dar un protagonismo singularizado á comunicación directa coa veciñanza”. Dela ocuparase Roberto García Pernas, “unha persoa que polo seu perfil persoal e profesional creo que pode impulsar a participación da cidadanía e establecer así unha relación bidireccional Deputación-veciñanza, veciñanza-Deputación”, engadiu.

Área de Muller e Igualdade. Como recolle o pacto de goberno, explicou o Presidente, o impacto de xénero estará presente en todas as accións que se realicen dende a Deputación, pero ademais a igualdade terá unha área cun peso específico no Goberno, que dirixirá María Loureiro García, “unha persoa comprometida coa necesidade de concienciar e impulsar accións para avanzar cara a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, unha base fundamental para acabar coa lacra da violencia de xénero”.

Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos. O responsable deste eixo estratéxico da acción da Deputación será Xosé María Arias, “un moi bo coñecedor das necesidades dos Concellos pola súa dilatada traxectoria como Alcalde e tamén como Deputado provincial. Por iso saberá impulsar medidas que axuden aos Concellos a garantir a prestación integral e axeitada de servizos públicos ós veciños e veciñas”, indicou José Tomé. 

Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento. Ana González Abelleira será a encargada de dirixir esta área. “Pola bagaxe de coñecemento na  administración municipal que lle proporcionou a súa xestión como Concelleira poderá contribuír á modernización e innovación da Deputación e dos concellos da provincia a través da formación continua e de calidade dos empregados públicos, así á educación pública de calidade e de excelencia, e á implementación da economía do coñecemento”, afirmou Tomé.

Área de Medio Ambiente. José Luis Raposo, explicou o Presidente, “unha persoa coñecidamente comprometida co desenvolvemento territorial, asume a tarefa de seguir promovendo que a inmensa riqueza medioambiental coa que contamos na provincia se converta en oportunidades económicas que xeren emprego e asenten poboación, ademais de velar pola protección e conservación dos espazos naturais propiedade da Deputación”. 

Área de Recursos Sostibles. Roberto Fernández Rico estará á fronte desta área, centrada na xestión e impulso do Centro de Recría e a finca Gayoso Castro, e a finca do Pazo de Tor. Coa creación desta área, que non existía, argumentou José Tomé, “damos un tratamento singularizado a estes importantes recursos co fin de convertelos nun referente e nun elemento tractor para o sector primario de Lugo”.

 

Xunta de Goberno

Polo demais, o Presidente informou de que a Xunta de Goberno estará formada por 9 deputados. Ademais de pola súa persoa, integrarán este órgano: Tareixa Antía Ferreiro Tallón, Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García Bermúdez, Roberto Fernández Rico, Xosé María Arias Fernández, José Luis Raposo Magdalena e Mónica Freire Rancaño.

Crearanse dúas Comisións Informativas, dentro do obxectivo de “simplificar o funcionamento da Corporación facéndoo máis efectivo e dinámico”, sinalou Tomé. Serán a Comisión Xeral de Asuntos do Pleno e a de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, que presidirá o Presidente e terán 3 integrantes do grupo provincial do PP, 3 do PSOE e 1 do BNG.

Con respecto ás áreas que xestionará o BNG, o presidente sinalou que serán os deputados nacionalistas os que darán conta da súa organización interna por respecto á autonomía de xestión de cada grupo que conforma o Goberno. As competencias que asumen son: Deportes, Artesanía e Deseño, Memoria Histórica, Medio Rural, Mar, Mocidade, Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística.