Skip to main content
Actualidade

Convocado un Pleno extraordinario da Deputación para a disolución de SUPLUSA

Por 8 Agosto, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou a súa decisión de convocar un Pleno extraordinario para a disolución de SUPLUSA. Tan só 8 días despois de acadar un acordo unánime na sesión plenaria de organización e 20 da súa investidura, o Presidente toma a iniciativa e arranca o procedemento que desembocará na desaparición da Sociedade Urbanística Provincial, cumprindo así co recollido no pacto de Goberno.

Ademais, con esta decisión, o presidente dá un novo paso, neste caso determinante, para cumprir coa prioridade que marcou na investidura: devolver a tranquilidade e a normalidade institucional á Deputación, pois, se ben SUPLUSA foi no seu momento unha entidade útil para a provincia, quedou desvirtuada polas disfuncións producidas nos últimos anos. De feito, a Deputación retiroulle a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a día de hoxe a súa existencia carece de sentido.

A disolución de SUPLUSA significa tamén un avance no proceso de reestruturación, modernización e adelgazamento da Deputación, un obxectivo recollido igualmente no pacto de Goberno, que fará á Administración provincial máis eficaz e útil á cidadanía, ademais de supoñer un aforro para as arcas provinciais.

En canto aos actuais traballadores e traballadoras da sociedade mercantil, tal e como subliñou o Presidente, a Corporación ten a vontade de garantir os seus dereitos laborais, para o cal se solicitarán os informes técnicos pertinentes.

Procedemento

O procedemento para disolver a Sociedade Urbanística Provincial arranca co Pleno extraordinario anunciado hoxe por José Tomé, que se celebrará a principios de setembro, e consta de tres fases: a de disolución –que se abre agora-, a de liquidación e a de extinción definitiva da entidade e da súa personalidade xurídica. Todas elas realizaranse segundo as indicacións técnicas dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación.

Co fin de que haxa sintonía na Corporación en canto á propia disolución de SUPLUSA e ás decisións a adoptar para conseguilo, hoxe mesmo deputados e deputadas dos tres grupos políticos provinciais –PSOE, BNG e PP- asinaron unha solicitude de convocatoria da Xunta Xeral Extraordinaria do ente mercantil para o día 12 de setembro cunha orde do día consensuada que inclúe: acordar a disolución da sociedade e a súa entrada en liquidación, así como o desistimento das accións xudiciais interpostas mutuamente (sociedade-Deputación); establecer un período de liquidación de 24 meses, que poderá ser ampliado mediante petición motivada; cesar a todas as persoas administradoras e órganos da sociedade (secretaría, intervención, tesouraría, xerencia e dirección técnica); e designar as persoas que exercerán o cargo de liquidadores da sociedade (os deputados Pilar García Porto, Mónica Freire Rancaño e José Antonio García López).