Skip to main content
ActualidadeVilalba

Xosé Miguel Barrera gaña o certame literario de Vilalba

Por 20 Agosto, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba vén de anunciar o gañador do XLV Certame Literario de Poesía despois de que o xurado emitise na tarde de onte o fallo. Lidos os 36 libros presentados a este Premio dotado con 7.000 euros, flor natural e diploma, acordouse por unanimidade proclamar gañador o poemario presentado co título Poema da rúa das aves, do autor Xosé Miguel Barrera Vázquez.

O xurado, presidido pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, estivo formado por expertos no eido literario: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, Catedrático de Historia; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal e Xulio Xiz, xornalista.

Xosé Miguel Barrera é natural de Vilalba, aínda que actualmente reside na vila madrileña de Torrelaguna, sendo membro do Grupo Bilbao de escritores afincados en Madrid e colaborador da revista de poesía OLGA. Na súa actividade literaria figuran publicacións en galego e castelán, como os libros de poesía Loita de Silencio, Árbore do Desespero e Poemas do Tempo Silenciado. Tamén ten colaborado en diversas publicacións colectivas como a revista Xistral.

Tamén ten publicacións en diversas revistas colectivas de escrita castelá como La Espadaña, Cartapacio ou Piedra Lisa. Entre algúns dos recoñecementos do autor destacan a de finalista do concurso de guión do proxecto Una Tela en Blanco polo texto Una tarde en el parque e no concurso poético Chozas de la Sierra, na súa VIII edición, acadou a Mención de Honor polo poema Lamento por la muerte de un amigo.

O gañador do premio recibirá o seu galardón o día 30 durante o acto organizado polo Concello para as festas patronais de San Ramón e Santa María e que engloba a lectura do pregón e a presentación da publicación do poemario gañador da edición do ano pasado.