Skip to main content
Actualidade

Atopan novas mámoas en Outeiro de Rei

Por 1 Setembro, 2019Sin comentarios

Os integrantes do colectivo Patrimonio dos Ancares Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure documentaron catro novas mámoas con dolmen en Outeiro de Rei.

Segundo explican, a primeira está no Cordal de Acevedo, en Pascuais, na parroquia de Parada, e atópase a 450 metros de altitude. Localizouse durante as operacións de limpeza da maleza que se realizou baixo o tendido eléctrico. As súas medidas son de 16 metros de diámetro e un de altura. Presenta cono de violación do que sobresaen varios esteos graníticos da cámara funeraria. Ata agora, estaba sen catalogar pero si se coñece que nese mesmo lugar apareceron restos dun vaso cerámico de orde revirado ou de longo bordo horizontal descuberto a principos dos 90.

Documentáronse outros tres túmulos entre os montes do Pico das Mallas e As Corredoiras, na parroquia de Aspai, a 520 metros de altitude. O primeiro enterramento ten 21 metros de diámetro e dous de altura. Semienterrado atópase un idoliño. A segunda mámoa está a 40 metros da anterior, ten un diámetro de 20 metros e dous de altura. A terceira está no medio dun piñeiral e ten 20 metros de diámetro e 1,20 de altura. 

Nas inmediacións, estes investigadores descubriron unha pena con petroglifos. Son sete cazoletas que forman un semicírculo e, no seu interior, foi gravada outra cazoleta de maior tamaño. Con estes, son oito os petroglifos documentados en Outeiro de Rei. 

Segundo os estudos, en Outeiro había unhas 180 mámoas, moitas con dólmenes no interior. A maioría estaban abandonadas, incluído o túmulo 1 do Cordal de Acevedo, o único catalogado como Ben de Interese Cultural. O Colectivo Patrimonio dos Ancares ten constancia de que polo menos 50 mámoas foron destruídas e, nos últimos tres anos, levan documentados unha vintena de enterramentos en Outeiro. A súa antigüidade ronda os 6.000 anos.

Os achados foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación e protección.