Skip to main content
ActualidadeMuras

Muras presenta a súa primeira Feira do Poldro como Festa de Interese Turístico Galego

Por 18 Setembro, 2019Sin comentarios

Muras vivirá a fin de semana do 21 e 22 de setembro unha nova edición dunha das celebracións máis populares do Concello, a Feira do Poldro e do Gando do Monte na Gañidoira, que este ano, ademais a celebración, que xa é a XXXII edición, ten un matiz máis destacado ao contar coa distinción de Feira de Interese Turístico Galego, obtida este ano.

A festa manterá a estrutura de anos anteriores. Así, o domingo será o día grande da feira pero xa o sábado haberá celebracións previas como o raid de cabalos, que comezará ás 16.00 horas, unha das novidades desta edición. Trátase dunha proba que se desenvolverá pola contorna aberta á participación de todos os afeccionados que o desexen.

Finalmente, sobre as 20.00 horas, haberá tamén unha degustación de hamburguesas e chourizos de poldro a cargo de Puraga e animación musical cun dúo aínda se determinar. Estas actividades están dirixidas aos gandeiros que baixan os animais aos curros esa mesma tarde.

O domingo a actividade dará comezo pola mañá cedo coa chegada do resto dos animais aos curros e co comezo de concurso de gando que organiza o Concello. Tamén pola mañá terán lugar as carreiras de andadura serrada e chapeada, outra das novidades, o mesmo que a entrada dos cabaleiros á feira desfilando, organizado pola asociación Atila.

Outro ano máis haberá unha exhibición de poda en altura, que tivo un gran éxito a pasada edición; e unha nova xornada de degustación de hamburguesas Gourmet Gañidoira, de Antonio Díaz.

Pola tarde será o tempo das carreiras. Ademais da tradicional carreira de afeccionados haberá outra para federados. As probas darán comezo ás 16.00 horas para afeccionados e ás 17.00 para federados. En todos os concursos que se celebrarán haberá premios para os primeiros clasificados. En total, repartiranse un total de 7.000 euros.

Contarán tamén cunha exhibición de maquinaria e artesanía, outra de razas autóctonas e unha terceira de fotografía para complementar a programación ao mesmo tempo que volverán celebrarse os paseos a cabalo para os máis pequenos.

Podes consultar o listado de premios no seguinte enlace.