Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

CC.OO. di que a Xunta comezou cos despedimentos malia o risco de incendio forestal

Por 9 Outubro, 2019Sin comentarios

A Consellaría do Medio Rural anunciou a prolongación da campaña de alto risco de incendios forestais ata que se reduza o risco potencial de lumes ou ata esgotar os períodos previstos, isto é, ata o 15 de outubro. “Este anuncio público, porén, contradí o que se informou internamente, xa que o departamento autonómico non renovará as adscricións temporais por funcións de superior categoría, que na actualidade están ocupando multitude de bombeiros forestais. Moitas destas prazas están cubertas por persoal interino que deberá cesar no seu posto de traballo”, segundo indican dende CC.OO.

“As adscricións de superior categoría son un dereito regulado no artigo 39 do Estatuto dos Traballadores e no propio artigo 15 do convenio sobre as condicións de traballo do persoal laboral da Xunta de Galicia. Este convenio establece tamén, no artigo 7, que a praza deixada vacante por este persoal ou polo que o substitúa se cubrirá por contratación temporal”, engaden.

A decisión da Consellaría implicará unha mingua do número de bombeiros forestais por brigada, de vixilantes fixos nas torres de vixilancia ou de persoal de xestión nos respectivos centros de coordinación. Isto reducirá a operatividade do dispositivo ata nun 20 % nos equipos de primeira intervención e porá en grave risco a seguridade e saúde de todas as traballadoras e traballadores do servizo, amais de aumentar o tempo de reacción na extinción de incendios forestais.

Comisións Obreiras insta a Medio Rural a cubrir o 100 % das prazas, especialmente nos distritos forestais con maior índice de actividade incendiaria. Así mesmo, pide a reactivación dos procesos de promoción dos traballadores e das traballadoras, tal e como marca a lexislación laboral vixente, de xeito que non se cese a ningún traballador do operativo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).