Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PP Vilalba apoia aos camioneiros de Endesa

Por 10 Outubro, 2019Sin comentarios

A presidenta provincial, Elena Candia, os candidatos ao Senado e ao Congreso, José Manuel Barreiro e Joaquín García Díez, respectivamente; o deputado autonómico, Daniel Vega; o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, e o deputado provincial e voceiro do PP en Vilalba, Agustín Baamonde,  mantiveron unha reunión con camioneiros afectados pola ameaza de peche de Endesa.  Os populares trasladaron o seu apoio a este colectivo, comprometéndose a levar as súas peticións ao Congreso e ao Senado, co fin de que o Goberno central busque unha solución á dramática situación que está a vivir, tal e como destacou Barreiro, e que afecta a toda Galicia. Os camioneiros da zona de Vilalba que traballan para a térmica de As Pontes levan un mes mantendo un peche na casa consistorial vilalbesa.

Elena Candia dixo que ela e os demais representantes do PP estaban na reunión, entre outras cousas, para saber en que poden ser de axuda. Anunciou toda a colaboración do partido que preside na provincia para facer rectificar ao Executivo. Sinalou que a  transición enerxética ten que ser ordenada e non tomar decisións alegremente a este respecto que teñen moi graves repercusións para as persoas, as familias e a propia provincia, que sempre ten problemas cando goberna o PSOE en Madrid.

Polo seu lado, Xosé Manuel Barreiro constatou que «estes son momentos especialmente delicados». Explicou que a solución ao problema de Endesa-As Pontes e Alcoa ten que producirse pola vía política e pola presión para que sexan adoptadas as medidas precisas. Sinalou que se non hai solucións haberá dramas persoais e familiares; será un drama colectivo, polas repercusións que terá na provincia.

No transcurso da xuntanza, o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón, Manuel Bouza, sinalou que é un momento moi complicado. Destacou que é un síntoma claro do que está a ocorrer agora que cada vez se vexan menos camións nas estradas. Declarou “Preocupádevos cando vexades pouco transporte na estrada”. A este respecto, Bouza pediu aos populares que apoien as súas mobilizacións e que lles axuden a publicitar o problemas. Na reunión participaron uns 20 camioneiros.