Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba inicia unha campaña de promoción da reciclaxe de vidro

Por 17 Outubro, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba porá en marcha este mes unha nova campaña na que se visitará aos establecementos hostaleiros para promover a reciclaxe dos residuos de envases de vidro no sector, así como facer efectivas as ordenanzas municipais que obrigan a xestionar correctamente os seus residuos.

No ano 2018, segundo datos facilitados por Ecovidrio, Vilalba reciclou 177.860 kg de vidro nos 95 contedores que hai repartidos polo municipio, situándose con 12,5 kg por cada habitante, un pouco por debaixo da media da provincia. No que vai de ano, porén, o crecemento alcanza xa case un 19% sobre o mesmo período do ano anterior, polo que con esta nova acción intentaranse conseguir resultados históricos na reciclaxe de vidro, que farán de Vilalba un referente a nivel provincial.

Para levar adiante esta iniciativa, porase en marcha un traballo de campo para reforzar o coñecemento das ordenanzas municipais en materia de reciclaxe de envases de vidro. Da mesma forma, promoverase a sensibilización sobre os beneficios ambientais e aforros económicos que entrana para o Concello.

A campaña informará sobre as ordenanzas municipais actuais, que recollen a obriga de reciclar para os grandes xeneradores. As visitas de persoal cualificado aos establecementos comezarán a partir deste mes no casco urbano de Vilalba, extendéndose posteriormente ao resto do municipio. Tras unha primeira fase de información e detección de necesidades, nas que se entregarán cubos de diferentes capacidades para facilitar a reciclaxe de residuos segundo o volume que emita cada establecemento, levaranse a cabo auditorías para comprobar que realizan correctamente a separación en orixe e, no caso de que non sigan a normativa, nunha segunda visita se lles entregará unha carta nominativa.

O sector hostaleiro produce case o 50% dos residuos de envases de vidro de un só uso que se comercializan en España, sendo un sector clave para a consecución de obxectivos de reciclado. Por iso, avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa contra o cambio climático.