Skip to main content
A PastorizaActualidade

A Xunta comprometeuse cos veciños da Pastoriza a crear a praza do terceiro médico

Por 22 Outubro, 2019Sin comentarios

A Xunta de Galicia comprométese a cubrir de xeito definitivo a praza do terceiro facultativo de atención primaria no centro de saúde da Pastoriza. Así llelo comunicaron o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o xerente da área de xestión integrada de Lugo, Cervo e Monforte do Sergas, Ramón Ares, aos representantes de cinco asociacións de veciños da Pastoriza que presentaran fai un mes un escrito dirixido ao Conselleiro de Sanidade reclamando unha xuntanza ante a “perda de calidade asistencial no centro de saúde da Pastoriza”.

Na reunión, que tivo lugar na sede da Xunta en Lugo, os representantes da Administración autonómica explicaron que durante o mes de novembro o Sergas ten previsto finalizar o concurso de traslados aberto en toda Galicia e que a continuación cubrirá as prazas vacantes, entre as que se atopa a da Pastoriza.

Ramón Ares recoñeceu diante dos veciños que en agosto o centro de saúde da localidade estivo atendido unicamente por dous médicos por haber carencias de persoal para poder cubrir todas as necesidades durante as vacacións, pero indicou que desde setembro a praza do terceiro facultativo no centro de saúde da Pastoriza está a ser cuberta mediante contratos mensuais.

Os representantes das 5 asociacións de veciños do concello, pertencentes ás parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira, agradecen o compromiso adquirido polos responsables da Administración autonómica de que a praza do médico que se xubilou este verán non se vai eliminar e vaise sacar a concurso pero anuncian que estarán “vixiantes para que se cubra de xeito definitivo no menor tempo posible”, xa que, din, “con contratos dun mes non se garante a estabilidade do persoal facultativo nin a calidade asistencial aos pacientes”.

1.000 pacientes por médico

O responsable do Sergas en Lugo explicou que no concello da Pastoriza hai un total de 2.867 tarxetas sanitarias, que se dividen entre os tres médicos asignados ao centro de saúde do seguinte xeito: 1.003, 949 e 915 pacientes para cara un dos facultativos, cunha media de atención de 15 consultas por día a maiores das urxencias domiciliarias.

Por esta razón argumentan os representantes veciñais, “cada vez que falta un dos médicos os dous que quedan vense sobrecargados polo que a calidade na atención baixa de xeito inevitable” e lembran que “no Centro de Saúde da Pastoriza veuse producindo nos últimos anos un descenso acusado no número de profesionais sanitarios, pasando de 4 médicos permantentes a tan só 2 con praza fixa na actualidade”.

Reforzos os domingos e festivos no PAC de Meira

No escrito dirixido ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, os veciños da Pastoriza denunciaban a perda de servizos sanitarios no seu concello, alertando da situación na que se atopa a atención médica no Centro de Saúde da localidade desde que se xubilou este verán un dos tres médicos de atención primaria que había, e indicando que esta redución na prestación sanitaria “engadese aos problemas existentes na atención pediátrica e no servizo de urxencias no PAC de Meira”.

Meira, A Pastoriza, Ribeira de Piquín, Pol e A Pontenova comparten o Punto de Atención Continuada do Centro de Saúde de Meira, onde hai un médico e un ATS de garda. O problema xorde cando se dá unha urxencia domiciliaria e o equipo ten que sair atendela, deixando o servizo no PAC descuberto.

Os veciños reclamaron na xuntanza cos responsables da Adminsitración autonómica a dotación dun médico e un ATS a maiores de xeito permantente para evitar estas situacións, unha medida que non está prevista, segundo indicou o representante do Sergas, que xustificou que houbo un descenso no número de atencións no PAC no ano 2018 a respecto dos anos anteriores (2017 e 2016).

Ramón Ares indicou, con todo, que está constatado que os domingos e festivos é cando máis atencións se producen, polo que de 10 da mañá a 10 da noite estase a reforzar xa neste momento o servizo dun médico a maiores, algo insuficiente para os veciños, dado que “ese reforzo debe ser permantente e non limitarse só aos domingos e festivos porque é inaceptable que un servizo de urxencias quede desatendido poñéndose en risco a vida das persoas”. Lembran que o PAC de Meira atende a unha poboación de máis de 10.000 habitantes e cubre un territorio de máis de 600 quilómetros cadrados.

Sen cambios no servizo de pediatría

Os representantes das asociacións de veciños quixeron abordar tamén na xuntanza celebrada a semana pasada cos responsables do Sergas as “eivas” na atención pediátrica, dado que A Pastoriza comparte pediatra con Meira, estando tres días en Meira e 2 na Pastoriza. Sen embargo, cando está de vacacións ou de baixa non é substituído, derivando os nenos e nenas a Vilalba.

Ares e Balseiro reiteraron que a Xunta non vai facer máis esforzos no tema dos pediatras e os veciños pedíronlles que reconsideren a súa postura. “Se queremos fixar poboación no rural e que a xente nova non se marche hai que empezar por cousas coma esta”, aseguran.

Os repesentantes veciñais consideran a sanidade “un servizo básico esencial”, máis, din, “nun concello rural como é A Pastoriza, de 3.000 habitantes e cunha importante dispersión poboacional e unha alta tasa de envellecemento, o que se traduce nunha necesidade maior de servizos de atención primaria”.

“Estannos vendendo a todas horas que temos un dos mellores sistemas sanitarios do mundo, iso non o poñemos en dúbida, pero pensamos que aínda se pode mellorar e para iso deben servir xuntanzas coma a que tivemos, onde os usuarios, que somos os que sufrimos as eivas dos servizos, poidamos trasladar esas deficiencias directamente aos que teñen a responsabilidade de dirixir o sistema sanitario público, de todos nós, para que tomen as medidas necesarias para melloralo”, conclúen os veciños.