Skip to main content
ActualidadeMuras

A chuvia non puido co terceiro Trail das Bestas de Muras

Por 6 Novembro, 2019Sin comentarios
[Best_Wordpress_Gallery id=”58″ gal_title=”III Trail das Bestas de Muras”]

Nin a mala previsión meteorolóxica, nin o frío, nin o vento e a choiva intermitente foron capaces de deslucir o Trail das Bestas de Muras, que finalmente contou con 450 participantes, un récord de participación na que celebrou a terceira edición con moitas caras coñecidas.

Fernando Arca foi o gañador, por terceiro ano consecutivo, do maratón, que percorre 43 quilómetros polas beiras do Eume, o Alto da Gañidoira ou os primeiros picos da Serra do Xistral. Fíxoo en 3 horas, 28 minutos e 11 segundos, catro minutos antes que o segundo, o pontés Edgar Franco. A terceira posición foi para David Alonso e entre os 20 primeiros entrou o tenente de alcalde Mario Rouco, que quedou de 19, e outro murés, Pablo Chao.

Na categoría feminina, a gañadora foi Begoña Pacio, que xa alcanzara o primeiro posto na primeira edición do trail, e parou o crono en 4 horas, 36 minutos e 59 segundos. Ana Belén Rubio chegou en segunda posición na proba absoluta e Iris Salces completou o podio.

No medio maratón, unha proba de 27 quilómetros que se estreou este ano, Marcos Trelles quedou primeiro cun tempo de 2 horas, 21 minutos e 27 segundos, seguido por Carlos González e Antonio Cadaveira. Carla Trillo, do club lucense Verxel, alcanzou o primeiro posto ao entrar na meta en 2 horas, 55 minutos e 6 segundos. A segunda posición foi para Alejandra Seoane e Tereza Ctvrtnickova, do club pontés Ou Caxado, situouse como terceira.

Na proba de 14 quilómetros, e na que tamén participou o rexedor local, Manuel Requeijo, David Manuel Martínez, do club de atletismo de Lourenzá, fíxose co primeiro posto, seguido por Daniel Feijóo, do Trieume As Pontes, e Diego Ruiz. Romina Reimondo, do Praias de Barreiros, Belén Otero e Maite Salgado subíronse ao podio feminino da proba, que ten o mesmo percorrido que completaron os asistentes á andaina.