Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta fará en Nete o segundo encontro coas parroquias

Por 25 Novembro, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de anunciar a parroquia fixada para a que será a segunda parada da súa iniciativa “Redes de Parroquia”. Logo da inaugural de Santaballa, que superou as previsións iniciais da formación en base ao importante número de veciños que se achegaron, Vilalba Aberta trasladará desta volta a súa dinámica de asembleas abertas á parroquia de Nete, co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades e incorporalas á axenda política da corporación.

“A acollida en Santaballa foi fantástica e, logo de subirmos as fotos do encontro ás nosas redes sociais, xurdiron máis peticións de Asociacións de Veciños doutras parroquias que querían que nos achegaramos”, apuntaba esta mañá a Concelleira da formación, Mª Xosé Fernández.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o voceiro municipal de Vilalba Aberta, Modesto Renda, poñendo en valor “o respecto e o agarimo co que a veciñanza de Santaballa acolleu á formación, así coma o imprescindible de facer política “a pé de parroquia ” pois “nos despachos do Concello os problemas do rural non se ven por arte de maxia”

Dende Vilalba Aberta remarcan unha vez máis a importancia de dar resposta ao que tantos veciños das parroquias dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: “As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral” e contextualizaron a súa aposta decidida polas parroquias na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza de levar as súas asembleas ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”

É por isto que animan á veciñanza de Nete a participar, achegándose este martes día 26 – 22h – á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, dende a formación asemblearia non quixeron deixar pasar a oportunidade para trasladar o seu “profundo agradecemento” á directiva da Asociación de Veciños de San Cosme de Nete por “permitir facer posible” este novo encontro.