Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O Xulgado do Social declara a nulidade do despido dos operarios do GES

Por 4 Decembro, 2019Sin comentarios

O Xulgado do Social nº 3 de Lugo vén de decretar a nulidade do despido de 5 operarios do GES de Guitiriz no pasado mes de maio, tal e como adiantou a CIG que calificou en varias ocasións que “a extinción do servizo dos GES e os despidos correspondentes non atendían a ningunha razón obxectiva, senón a un capricho da alcaldesa por aquel entón, Regina Polín, por desfacerse duns traballadores e traballadoras que lle resultaban incomodos por ter reclamado dereitos que lles eran propios como se ten demostrado nas resolucións da Inspección de Traballo e en varias sentenzas anteriores dos xulgados do social ao respecto”.

A sentenza considera a nulidade dos despidos pola vulneración dos artigos 24 e 28.1 da Constitución Española, e así literalmente dí “Non consta ningunha razón que xustifique a decisión extintiva adoptada polo Concello de Guitiriz polo que resulta clara a conexión entre a presentación dos actores a eleccións de representantes dos traballadores e as anteriores reclamacións e demandas presentadas polos actores coa posterior decisión extintiva adoptada pola empresa”.

Con esta sentenza, que o Concello pode recurrir ante o TSXG, desde a CIG “entendemos que se vén a facer xustiza con este grupo de traballadores e traballadoras que se viron represaliados por ter a osadía de reclamar dereitos inherentes ao seu posto de traballo, tales como ter cadrantes de traballo, dispor de EPI´s para desenvolver a súa actividade, dereito a participar en accións formativas, etc”.

A esta sentenza hai que sumar a do outro traballador do GES despedido, e que gañou a improcedencia do despido co dereito a optar pola reincorporación, polo que o Concello está na obriga de reincorporar a estes 6 traballadores.

“Desde a CIG entendemos que a decisión máis responsable a tomar polo Concello de Guitiriz debera de ser a de solicitar adherirse de novo ao convenio dos GES e prestar de novo o servizo, mais toda vez que desde a FGAM xa se comeza a falar da posibilidade futura de traspasar estes servizos a consorcios provinciais de emerxencias.

“De momento, a maiores dos propios traballadores, os maiores afectados da tolemia de xestión do GES de Guitiriz son os veciños e veciñas de Guitiriz, posto que no presente ano 2019 os experimentos da anterior alcaldesa vanlle custar mais de 100.000 euros en conceptos salariais e de cotización á seguridade social destes traballadores, cartos que denben de abonarlles por non traballar, cando se estiveran traballado no GES, o custo salarial dos mesmos sería asumido pola Xunta e pola Deputación”, explican.

“Esperamos que desde o Concello non se afonde nesa política de despilfarro dos cartos públicos e non recurra a sentenza, ao fin de non alongar este despropósito arredor dos GES que dura xa case un ano”, conclúen.