Skip to main content
ActualidadeVilalba

Arrinca en Vilalba a primeira campaña en favor do comercio local

Por 5 Decembro, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba vén de presentar a campaña En Vilalba, comercio local coa colaboración da Asociación de Empresarios Sete Pontes e Caixa Rural Galega. O Concelleiro de Comercio e Turismo, Modesto Renda, anunciou as liñas mestras do amplo programa de actividades da que será a primeira campaña de apoio ao comercio local organizada dende o Concello de Vilalba.

Trátase dunha iniciativa que nace froito dun “traballo de comunicación constante co comercio asociado” e que ten por obxecto proxectar as vantaxes de comprar no pequeno e mediano comercio, así coma o beneficio social, económico e ambiental que representa.

Renda puxo de relevo que “a campaña que hoxe presentamos é a culminación dun traballo continuado, en base ao interese compartido de impulsar e dinamizar o comercio local e de proximidade, en tanto que sector estratéxico para a pequena e mediana economía de Vilalba”.

Na mesma liña se pronunciaron a Representante de Comercio da Asociación de Empresarios Sete Pontes, Antía Naveiras, e o Director de Caixa Rural en Vilalba, Martín Paz, que acompañaron ao edil na presentación.

Naveiras, que agradeceu a implicación do Concello na organización da campaña, destacou a necesidade de campañas e iniciativas que poñan en valor as vantaxes do comercio local, a calidade da oferta, a atención personalizada e o aforro de tempo que supón comprar en comercios de proximidade pola súa comodidade e accesibilidade.

Unha análise compartida por Martín Paz, que non deixou pasar a oportunidade para lembrar que promovendo a compra no comercio máis próximo e estimulando esa economía local, pódese, ademais, “contribuír a frear o despoboamento, que é un dos grandes problemas aos que se enfronta o Concello.”

Logo das intervencións, foi a quenda para a proxección inaugural do que será o vídeo promocional da campaña e que se difundirá a partires da 20h a través das redes sociais do Concello. A descrición posterior do que, dende o Concello, se pretendía reflectir no mesmo, correu a cargo de Fran Cornide, autónomo e emprendedor local, responsable da Axencia de Comunicación Dixital encargada da filmación e posterior montaxe.

O programa arrincará o luns coa campaña de colocación das 60 bandeirolas co logotipo da campaña nas diferentes rúas comerciais de Vilalba. Paralelamente, farase entrega dos distintivos e selos co logotipo da campaña aos establecementos participantes. Ao día seguinte, publicaranse as bases do concurso de escaparates, que estará activo entre o 13 de decembro ao 6 de xaneiro, cando os comercios de Vilalba pugnarán por ter o escaparate mellor e máis orixinalmente decorado.

O mércores 11 de decembro, ás 12:30 h iniciarase o Merca, Bule e Gaña co Comercio local. Por compras superiores a 20 euros nun mínimo de 7 establecementos participantes, os clientes entrarán nun sorteo de 1500 euros de compras gratuítas durante 2h nos comercios participantes. O agraciado unicamente estará obrigado a gastalos mercando gratuitamente nun mínimo de 6 establecementos participantes, non podendo superar os 250 euros por establecemento.

O venres 20 de decembro continuará a programación, ás 20:30 horas na casa da cultura coa inauguración da exposición O comercio vilalbés ao longo do século XX, organizada en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos. Pechará a sesión unha mesa redonda sobre o pasado, presente e futuro do comercio local en Vilalba. Intervirán Manolo Roca,  economista, e directivo do Iesch; Moncho Paz, xornalista e fillo do rexente da Casa dos Marios; Adela Fernández, de Queixería Prestes; Antía Naveiras, da asociación Sete Pontes, e Francisco Iriarte, de ACISA Ribadeo. Presentará o acto Modesto Renda, concelleiro de Comercio e Turismo e actuará como moderador Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

Tamén haberá teatro o venres 27 de decembro, ás 17:00 horas. Trátase do espectáculo Ao teatro, ao comercio. Tirando do seu particular carromato, os espectáculo de Os Monifates percorrerá as principais rúas comerciais de Vilalba nun improvisado escenario para desfrute e divertimento de grandes e pequenos consumidores do comercio local.

O sábado 28 continuarán con espectáculos. Nesta ocasión ás 12:00 horas con Cantos de Comercio. A formación Saraghallada, no seu percorrido polas principais rúas comerciais de Vilalba, ofrecerrá un espectáculo de folk tradicional; bandas sonoras de clásicos do cinema; o máis bailable da música popular galega.

O domingo, na véspera do día de Reis, anunciarase o gañador do Merca, Bule e Gaña co Comercio local coincidindo coa cabalgata de Reis, así coma dende as canles de comunicación do Concello. Finalizarán a programación o martes 7 de xaneiro, ás 13:00 horas, na casa da cultura coa entrega do concurso de escaparates. O concelleiro de Comercio e Turismo, Modesto Renda, e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, farán entrega dos distintivos aos establecementos máis votados pola veciñanza.