Comezan as obras de mellora de estradas en Sancovade

O Concello de Vilalba vén de comunicar o inicio das obras no vial municipal que comunica as parroquias de Sancovade, Noche e Oleiros co núcleo urbano de Vilalba e a estrada Vilalba-Rábade, dentro do plan de mellora de camiños municipais da Agader.

Esta primeira actuación realizarase sobre un vial que soporta unha densidade de tráfico intensa no municipio debido ó seu labor vertebrador dentro da parroquia, comunicando os distintos núcleos entre si e co casco urbano. Ademais, trátase dunha vía de paso empregada pola veciñanza doutras dúas parroquias, Noche e Oleiros, para o acceso ás súas vivendas.

Por outra banda, existen na contorna explotacións agrícolas e gandeiras e o paso frecuente de vehículos destinados á explotación madeireira, o que provoca un rápido deterioro do pavimento actual. Todo isto determina a urxencia da posta en marcha das obras “cun aglomerado de 5 cm de espesor, procedéndose tamén á súa sinalización horizontal e vertical”, asegurou o edil de Infraestruturas, Luis Fernández.

Este traballo de pavimentación e asfaltado, xunto con outro que se levará a cabo na parroquia de Belesar, teñen un presuposto de execución de 133.851,41 euros e un prazo dun mes segundo o establecido no proxecto. Ademais, algunhas das vías secundarias das zonas de actuación son susceptibles de mellora nun futuro para o novo goberno municipal.

Etiquetas