Endesa anuncia que manterá os postos de traballo das auxiliares ata abril

Endesa comprometeuse coas representantes sindicais dos traballadores das compañías auxiliares da central térmica das Pontes a manter todos estes postos de traballo durante o primeiro trimestre do próximo ano 2020. Así llo trasladaron aos traballadores responsables da comisión de auxiliares, composta por CC. OO., CIG e UXT, durante a concentración que desenvolveron este mércores, na rotonda da Vilabella, onde reclamaron que a central de carbón continúe producindo enerxía eléctrica, co obxectivo de así eles poder manter os seus empregos.

Na actualidade son ao redor dunha ducia de compañías as auxiliares que ten Endesa contratadas para diversas tarefas no complexo industrial, que implican ata 250 operarios. Estes traballadores encárganse do servizo de limpeza, mantemento industrial, control de calidade e tamén control ambiental.

Ata o momento, os operarios só tiñan o compromiso da compañía eléctrica de que non executaría rescisións de contratos ata o 31 de decembro, prazo que agora quedou ampliado en tres meses, ata polo menos o 31 de marzo.

Durante este mes de decembro, os traballadores das auxiliares teñen previsto volver concentrarse neste lugar os días 11 e 18.

Etiquetas