Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro volve reclamar o estado dos contedores de recollida selectiva

Por 10 Decembro, 2019Sin comentarios

O BNG de Outeiro vén de denunciar unha vez máis a falta de compromiso do alcalde de Outeiro, Pardo Lombao, coa reciclaxe e co medio ambiente.
“Os problemas coa recollida de lixo para a súa reciclaxe son continuados. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de agosto xa se denunciaba o problema dos contedores do vidro que non se baleiraban a pesares de estar totalmente cheos e de estarse a tirar o vidro nos contedores xenéricos”, explican.

Segundo indica, tres meses despois, a situación volve repetirse e os contedores de vidro están totalmente ateigados, “obrigando ás veciñas e veciños a deixar as botellas no chan, en moreas ao carón do contedor, ou simplemente a tiralas nos contedores de lixo orgánico, “o que fai que nunca cheguen a reciclarse”.

“Nunca resultará crible unha postura respectuosa co medio ambiente se non se toma as medidas necesarias para poder reciclar todo o lixo que sexa posible, tanto con campañas entre a cidadanía, como poñendo todos os medios necesarios para ese fin. O contrario só son palabras e o medio ambiente necesita feitos, non palabras”, comentou o concelleiro do BNG.

Os responsables do BNG aseguran que hai tan só uns días, “víamos como dende o concello se presumía do investimentos en contedores para a recollida do lixo orgánico, mentres que, ao mesmo tempo, votaban en contra no pleno do concello á iniciativa do BNG para aumentar o número de contedores para plásticos e tamén a súa frecuencia de recollida”.

Os plásticos forman o lixo que máis dificultades ofrece para o seu tratamento e dado que é o tipo de lixo máis abundante e máis prexudicial para o medio ambiente, dende o BNG “considerábamos que se necesitaban máis contedores e unha maior frecuencia de recollida deste tipo de residuos”. “O alcalde preferiu votar en cotra desta iniciativa e, pola contra, gastar varias ducias de miles de euros en contedores para ao lizo orgánico, o lixo que xa é reciclado da súa gran maioría polos propios veciños e veciñas ben nos propios hortos ou ben elaborando compost”, engaden.

O mesmo ocorre co anuncio da compra de dous camións para a recollida de lixo por valor de 500.00 euros. “De nada vai servir ter eses ultramodernos camións se logo non se usan axeitadamente, pois non hai contedores para reciclar o plástico ou vidro ou se a frecuencia de recollida non é a suficiente segundo os residuos xerados”, indican.

“Nós seguiremos a reclamar unha política con respecto ao lixo que non se rexa por intereses alleos ao medio ambiente e onde primen a optimización da reciclaxe e as necesidade das veciñas e veciños de Outeiro”, rematou Xosé Ferreiro.