Skip to main content
AbadínActualidadeAgro TERRACHÁXA

En breve levantarase a prohibición de plantar pataca en Abadín e As Pontes

Por 12 Decembro, 2019Sin comentarios

Proximamente proporase por parte de Medio Rural o levantamento da prohibición de plantar pataca nun total de nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca, ao cumprirse o prazo de dous anos, establecido pola normativa, desde que se rexistrou nestes municipios algunha captura do insecto. En canto aos Concellos chairegos trátase de Abadín e as Pontes de García Rodríguez.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, estivo na comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca na que se abordou este asunto. Acordouse trasladar esta proposta en breve na xuntanza prevista para principios de xaneiro próximo en Madrid con responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e representantes do Principado de Asturias.

Na reunión da comisión tratouse a situación da couza nas zonas demarcadas en 2017, tras detectarse o primeiro foco. 

Así, constatouse unha evolución moi positiva na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada e en nove deles non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, razón que permite  levantar as restricións, de forma que os citados concellos pasen de estar en zona infestada á zona tampón. Isto supón que se permitirá plantar pataca, pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería e manteranse as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación.

No encontro avaliáronse tamén as medidas adoptadas recentemente, tras detectar casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo en tres parroquias dos concellos coruñeses da Laracha e Carballo, que xa foron destruídos. Entre as actuacións levadas a cabo figuran, ademais da destrución das patacas infectadas, a colocación de trampas para a captura de couzas e o reforzo dos labores de inspección. Cómpre, ademais, agradecer a colaboración dos produtores e comercializadores da zona, que fixo posible a retirada dunhas nove toneladas de tubérculos de diversos almacéns nesta área, para evitar a propagación do insecto.