Skip to main content
ActualidadeRiotorto

O Concello de Riotorto aproba un orzamento por valor de 1,2 millóns de euros

Por 12 Decembro, 2019Sin comentarios

O Pleno do Concello de Riotorto aprobou o orzamento que rexirá o Concello o próximo ano e que ascende a  1.234.800 euros. Diminúe respecto ao ano 2019, que foi de 1.344.500 euros,  xa que no pasado exercizo prevíase recadar 230.000 euros polo imposto de construcións, instalacións e obras e pola taxa de licenzas urbanísticas, tributos que debían de pagar as empresas ás que se lles concedeu as licenzas municipais para a a instalación de parques eólicos.

En materia de gastos correntes, prevíronse os créditos destinados a gastos de persoal en función das novas retribucións para 2020 e das necesidades de persoal dos diferentes servizos, así como gastos correntes de abastecemento de auga, alumeado público, saneamento en parte importante do municipio e acondicionamento e limpeza de camiños. Establecéronse así mesmo os recursos para o pago da débeda dos préstamos que esta entidade ten subscritos con entidades financeiras e que debe asumir este ano.

Dentro do capítulo de gastos figuran tamén a atención a servizos de cultura, deporte e actividades recreativas e festivas. As actividades no centro sociocultural, a celebración da festa da Croa e a feira do Ferro, así como as subvencións ás entidades culturais e deportivas son un exemplo disto.

Aumentará o gasto dirixido ao servizo de axuda a domicilio, que o ano pasado, contando coa contratación de persoal, foi de 226.000 euros, e pasa no 2020 a ser de 277.800 euros. “Cada vez é máis a xente a que demanda este servizo, que ten dereito a el, e nos atendemos esta demanda, é un servizo prioritario para nós, esencial para o mantemento e mellora da calidade de vida de moitos dos nosos veciños, da xente maior. O aumento neste gasto para este ano financiarase principalmente con recursos municipais”, explica o alcalde, Clemente Iglesias.

En materia de inversións prevense investimentos en mellora das redes de saneamento, cun orzamento de 30.000 euros; acondicionamento de pistas municipais, con 25.000 euros; mellora de accesos aos núcleos, con 15.000 euros; aglomerado de vías municipais, por valor de 25.000 euros e sinalización da Vía rRexia do Norte, na que investirán este ano 5.000 euros.

Na comparativa co ano pasado, ás principais modificacións introducidas nas partidas de orzamento de gastos para 2020, en relación co presuposto anterior, é o aumento do gasto de persoal, que pasa de 531.500 euros en 2019 a 600.100 euros en 2020 debido á contratación de novo persoal para o servizo de axuda a domicilio. Diminúe lixeiramente o gasto corrente en 20.000 euros “como resultado da boa xestión que pensamos que estamos facendo dos nosos recursos”, engade. Tamén diminue o gasto en inversións debido á redución dos recursos extraodinarios anteriorses.

O alcalde asegura que se trata “dun orzamento real, onde garantimos a prestación de servizos básicos aos veciños”. Engade tamén que seguirán realizando xestións con outras administracións, principalmente a Xunta e a Deputación, “ao obxecto de que financien outras inversións non contempladas no presuposto, como vimos facendo estes anos. De obterse eses recursos faranse as correspondentes modificacións orzamentarias”.

O obxectivo do equipo de goberno é asinar acordos ou convenios coa Xunta de Galicia para rehabilitar dúas antigas vivendas de mestres para ser destinadas a centros sociais ou vivendas que poidan ser arrendadas aos veciños. Tamén pretendemos acometer obras como as sinalización da ruta do Ferro e outras como a sinalización da vía Rexia do Norte.

No capítulo de ingresos, manterán a transferencia corrente da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local e anuncian a diminución dos ingresos correntes debido principalmente a que desaparecen os recursos extraordinarios antes citados, os tributos que pagaron as empresas a quen se lles outorgou as licenzas municipais para instalación de parques eólicos.