Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Feira do Capón de Vilalba estará máis centrada nos produtos típicos da zona

Por 13 Decembro, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba vén de presentar polo miúdo unha das citas máis emblemáticas para a localidade: a Feira do Capón. Nunha aposta decidida do novo goberno local por incrementar o valor desta feira de marcado carácter tradicional, propoñen algunhas novidades para darlle un aire novo e atraer aos distintos públicos que se acheguen a Vilalba para coñecer de primeira man este evento cunha sona que traspasa as nosas fronteiras.

Segundo vén de sinalar a concelleira de Feiras e Mercados, Antía Rama, “este ano decidimos darlle un aire novo á feira, centrándonos exclusivamente no capón e nos produtos típicos da zona, ademais de ofrecer ás persoas asistentes unha degustación e tamén demostracións en directo sobre o cociñado de distintos pratos”.

Neste senso, o Concello pretende proporcionar un valor engadido á feira enxalzando o capón de Vilalba e tamén os produtos agroalimentarios da contorna, contando con produtores e negocios da vila e arredores, ademais dos imprescindibles criadores.

“Teremos desde o mel de San Simón ata o liño das nosas mulleres de Insua, pan de feitura local, xinebra rosa elaborada nesta zona, e por suposto non poderán faltar cousas tan típicas como o queixo de San Simón e o roscón de Vilalba”, aseverou Rama.

A feira abrirase ás 10:30 horas ambientada pola Charanga de Vilalba, cun recinto pechado baixo carpa cos diferentes postos. A venda das caixas iniciarase este luns 16 de decembro de 12 a 14 e de 18 a 20 horas na nave do Concello situada nos Freires. O propio día tamén se habilitarán puntos de venda de caixas.

A maiores haberá un photocall elaborado en exclusiva para a feira onde poder levar unha foto de recordo en Vilalba nesta data tan sinalada. Ás 11:30 horas daranse os premios aos criadores gañadores desta edición, galardóns que tamén amosarán algunha novidade. O grupo de música tradicional Buxos Verdes animará as rúas co seu grupo de gaitas.

A continuación dará comezo o showcooking, onde un cociñeiro profesional dará as claves principais para unha exquisita elaboración do capón, e unha vez finalizado, poderase probar un petisco da receita exposta. Mentres os asistentes adestran os seus padais, procederase a un sorteo de agasallos (no propio lugar daranse as indicacións para participar do mesmo).

A foodtruck instalada no recinto comezará o seu servizo ofrecendo tamén unha degustación de balde de porco celta e galiña de Mos, razas autóctonas galegas, e porase o broche final á feira ao redor das 14.30 horas.

Desde o Concello animan á participación da veciñanza e das persoas que desexen descubrir todos estes produtos e pasar unha mañá do máis enriquecedora nunha Vilalba que aproveitará cada un dos encontros tradicionais para poñer en valor o propio e proxectalo cara o futuro.