Skip to main content
Actualidade

O mal tempo obriga a suspender o último tramo da andaina e a manifestación polo peche de Endesa

Por 13 Decembro, 2019Sin comentarios

A gran mobilización que estaba programada para hoxe na cidade da Coruña suspendeuse polas inclemencias meteorolóxicas, malia que estaba previsto que participasen numerosas persoas que se ían a desprazar desde As Pontes para reclamar unha transición enerxética xusta.

O temporal que atravesa Galicia convenceu á organización para suspender a marcha e aprazala para outra data. Neste sentido, precisaron que se informará proximamente da nova convocatoria e con tempo suficiente para que os que queiran asistir poidan facelo. A manifestación tiña previsto arrincar no Ponte Pasaxe e percorrer a avenida Alfonso Molina, dirixirse ata o Viceconsulado de Italia, situado no número 13 da rúa Rosalía de Castro e protagonizar alí unha concentración sobre as 11,30 horas.

Esta nova mobilización estaba convocada polo grupo de crise das Pontes, do que forman parte os partidos políticos con representación no Concello, sindicatos, comité de empresa de Endesa, transportistas, comerciantes e empresarios desta localidade da comarca de Ferrolterra.

Xa o xoves, as preto de 150 persoas que participaron na terceira e penúltima etapa da marcha a pé desde As Pontes e que se desenvolveu entre o municipio de Miño e Ponte Pasaxe, en Oleiros, viviron a andaina baixo unhas condicións climatolóxicas moi adversas, con fortes ventos e choivas persistentes. Percorreron preto de 20 quilómetros.

Con esta andaina traballadores e veciños vinculados a Endesa reclaman que o peche da central térmica se faga de maneira gradual e non se sitúe a data de caducidade no ano 2022.

DESPIDOS

Unha trintena de traballadores da empresa auxiliar de Endesa M3, con sede Murcia, denunciaron cunha protesta os seus despedimentos, tras deberlles a compañía algo máis dun mes e medio de salario por traballos para outra compañía, Imasa, nas obras de mellora que Endesa está a acometer na súa central térmica das Pontes.