Skip to main content
ActualidadeXermade

Os populares de Xermade critican que o orzamento incrementa as taxas

Por 13 Decembro, 2019Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Xermade, Antonio Riveira, critica que “os orzamentos municipais do Concello de Xermade para o 2020 recollan un incremento das taxas dos servizos públicos como son a auga, a recollida do lixo ou o servizo de axuda no fogar nunha destacada proporción”.

O popular lamenta que “o goberno local tivera moita presa por aprobar estas contas” e que, unha vez aprobadas cos votos a favor dos socialistas no anterior pleno, “non teña interese en dalas a coñecer aos veciños e veciñas porque non quere que os xermadeses saiban que subirán distintas taxas municipais no vindeiro 2020”. De feito cre que “o alcalde enganou aos veciños e veciñas nas pasas eleccións de maio ao non advertilos desta previsión na suba das taxas”.

Ademais, os populares sinalan que “a esta suba súmase tamén o prexuízo económico que supón para os gandeiros e gandeiras titulares de edificacións situadas en zona rústica que teñen que pagar ata cinco veces máis de IBI por esas construcións que outras situadas en zona rural”. E isto débese a que o goberno local non elabora unha ordenanza municipal que recolla esas bonificacións, “tal e como acordamos en Pleno por unanimidade no ano 2016 tras unha proposta do Grupo Popular e como fixo no seu momento o goberno do PP bonificando este imposto sobre o solo de núcleo rural e as edificacións en xeral e as agrogandeiras en particular”, recorda Riveira.

O popular engade que “o orzamento do vindeiro ano non contempla investimentos en servizos fundamentais como pode ser o abastecemento de auga. Concretamente, para mellorar as traídas de auga só se prevé nos orzamentos unha cantidade de 2.000 euros que non chega nin para o mantemento das existentes”, manifesta.

Nesa mesma liña, o voceiro do PP critica que “tampouco recolle os fondos necesarios para o desenvolvemento do proxecto dunha potabilizadora de auga en Cabreiros coa que dar solución ao problema de subministro de auga ás parroquias de Roupar, Cabreiros, Xermade, Candamil e Burgás; a pesar das molestias causadas este ano aos veciños polo uso dunha alternativa temporal”. Riveira sinala que “o uso indiscriminado de bombeo de auga dende o río Trimaz ten provocado incluso intoxicacións en explotacións gandeiras e alarma social sobre a calidade da auga que provoca continuas avarías en aparatos que a empregan para uso doméstico”. Igualmente, para resolver a falta de mantemento das captacións existentes en Momán, dende o Concello recorreron tamén ao bombeo dende o río “cos consecuentes riscos”, lamenta o popular. “Os orzamentos de Xermade para o vindeiro ano tampouco prevén ningunha partida para a solicitude dos veciños de Piñeiro de conectar a traída de As Pontes ata a parroquia de Piñeiro. E, por suposto, que Miraz, Cazás e Lousada seguirán sen plans municipais”, lamentan dende o Grupo Municipal do PP.

En materia de saneamento, os populares denuncian “o abandono das instalacións de depuración existentes en Momán onde só se realizou unha limpeza exterior desde que o noso grupo municipal presentara unha queixa ante o Pleno”. Polo tanto, “non existe un plan de mantemento e coidado do saneamento” ao que se engade “ a falta de interese do goberno local do PSOE por solucionar o delito que o Concello está cometendo co vertido ao río Momán”.

Así mesmo, de cara á aprobación do PXOM que os populares consideran que se trata dun documento que “debe ser necesariamente actualizado”, o equipo de goberno local “non ten pensado acometer ningunha nova actuación” tal e como se reflexa no orzamento que “o goberno xermadés do PSOE, aproveitando a súa maioría, aprobou en solitario sen entrar no debate despois do seu estudo por parte dos outros grupos da corporación municipal”.

Por outra banda, os populares sinalan ao inventario de camiños públicos coma “o proxecto chapuza estrela de Roberto García” que aprobou inicialmente no pasado mandato e agora non se atreve a corrixir despois de recibir unha oleada de alegacións por parte dos veciños e veciñas. “Este inventario xera inseguridade con respecto á titularidade e documentación de terreos, limitacións de plantacións, construcións, peches, responsabilidades de mantemento, estudo económico, etc.”, explican dende o Grupo Municipal Popular. Así mesmo, engaden que “este documento sen estudo será empregado como referencia para outras instancias legais”.