A Deputación inviste en actuacións en estradas de Guitiriz 350.000 euros

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, anunciou a licitación de 8 obras importantes de mellora da rede viaria provincial nos concellos de Guitiriz, Antas de Ulla, Monforte de Lemos e Sober. “Son unhas obras moi importantes demandadas polos veciños e veciñas destas municipios e que no seu conxunto suman un investimento de 1.140.000 euros”, dixo.

O obxectivo é adxudicalas no primeiro trimestre do vindeiro ano e comezar a acometelas na primavera.

No concello de Guitiriz vanse realizar tres actuacións cun orzamento de licitación total de 350.000 euros. Por unha banda, renovarase o firme da estrada provincial LU-P-2302, unha vía que comunica a capitalidade de Guitiriz co Concello de Sobrado dos Monxes, na provincia da Coruña. As actuacións vanse facer nun treito de 6 quilómetros, entre a parroquia de Mariz ata o límite con Coruña, entre os puntos quilométricos 3,5 e 9,5. Os traballos consistirán na limpeza das cunetas, con reafirmado dos bordes, dotando despois a toda a superficie dunha capa de aglomerado en quente, e que finalmente será sinalizado. O presuposto de licitación desta obra é de 265.000€.

Por outra parte, tamén en Guitiriz, vaise arranxar a rúa Mercado, que, partindo da N-VI discorre cara a parroquia dos Vilares, na estrada provincial LU-P-2301. A necesidade do arranxo vén dada porque as lousas de pedra natural, nalgúns casos están soltas e noutros romperon, polo que “entendemos que é precisa esta actuación para darlle unha solución definitiva ós problemas que veñen padecendo os veciños e veciñas que transitan por ela, repoñendo a totalidade das lousas de pedra natural e reforzando os pozos e rexistros”, explicou Tomé Roca.

A terceira das actuacións que se van acometer en Guitiriz terá lugar na estrada provincial LU-P-2305, que vai dende A Pena Moscosa (N-VI) ata Parga. As obras consisten en dotar á estrada de beirarrúas en ámbolos dous lados, nun treito de 200 metros. Esta vía discorre entre vivendas e supón o acceso a dúas estradas que xa contan con beirarrúas. Aproveitando esta actuación tamén se van canalizar as augas a través de tubaxe e sumidoiros. Esta actuación tamén mellorará a seguridade dos nenos e nenas que residen nas vivendas da rúa no seu traxecto de ida e volta ao colexio. O orzamento conxunto para a Rúa Mercado e para as beirarrúas de Parga é de 85.000 euros.

Etiquetas