Skip to main content
Actualidade

Gadis colabora con Unicef na compra de vacinas contra a polio e a desnutrición

Por 23 Decembro, 2019Sin comentarios

Gadis mantén o seu apoio a Unicef, a través do Agasallo Azul, coa adquisición de 8.900 tarxetas de felicitación do Nadal que a organización non gobernamental intercambiará por 5.268 kits de supervivencia dirixidos á infancia máis vulnerable en países que atravesan dificultades extremas. Esta colaboración supón que 5.268 nenos serán vacinados contra a polio e recibirán tratamento contra a desnutrición aguda durante unha xornada. Ademais, 16.484 pequenos terán acceso a auga potable durante unha semana.

A cooperación da compañía de distribución é de vital importancia para contribuír a paliar a situación humanitaria en países con grandes necesidades. En 2018 grazas á colaboración de Gadis, Unicef enviou 5.100 kits de supervivencia cos que se mellorou a vida da infancia en nutrición, saúde e facilitado o acceso a auga potable en países como República Centroafricana, República Democrática do Congo, Madagascar ou Ghana.

Os datos que manexa Unicef sobre a situación da infancia nos países en desenvolvemento reflicten que 49 millóns de nenos menores de cinco anos padecen desnutrición aguda, 20 millóns de nenos non son vacinados ou non reciben as doses necesarias e 785 millóns de persoas carecen de acceso a un servizo básico de auga potable.

Con esta acción de axuda humanitaria, Gadis está a contribuír ao cumprimento de tres dos principios fixados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable por Nacións Unidas para dar continuidade á axenda de desenvolvemento:

Obxectivo 2: Poñer fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición
Obxectivo 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar
Obxectivo 6: Garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable

Desde hai 26 anos, Gadis colabora con Unicef no envío de axuda a nenos que carecen das necesidades vitais máis básicas. Esta repartición solidaria de axuda no exterior materialízase co Agasallo Azul desde 2012. Cada ano, as felicitacións do Nadal da compañía son desta organización non gobernamental.

Coa súa cooperación, a empresa fixo posible que preto de 38.000 nenos sexan vacinados contra o sarampelo; máis de 55.000 recibisen as doses adecuadas contra a poliomelitis; máis de 32.000 nenos tivesen acceso auga potable durante unha semana e máis de 13.000 recibisen tratamento contra a desnutrición aguda.

Esta acción solidaria enmárcase no Programa de Responsabilidade Social Corporativa, no que un dos eixos estratéxicos é o apoio a iniciativas solidarias da contorna máis próxima e no exterior, compartindo coas organizacións non gobernamentais o compromiso de reducir as desigualdades e promover o benestar en toda a sociedade.