Financiados con 1,2 millóns os programas de inclusión de 14 concellos lugueses

Vanse financiar con 1,2 millóns de euros os programas de emerxencia e inclusión social de 14 concellos da provincia de Lugo en apoio dos colectivos en situación de vulnerabilidade.

Entre as iniciativas que os servizos sociais municipais desenvolverán están os programas de inclusión da poboación xitana, inmigrante e persoas en risco de exclusión social que engaden, por primeira vez, un programa específico para a atención ás persoas sen fogar.

O orzamento destinado para estas accións duplica o previsto o ano anterior e inclúe a ampliación do período para levar a cabo os programas subvencionados, que se eleva de 16 a 20 meses, para que os concellos que os impulsen conten con máis continuidade.

Catro programas subvencionados

Respecto á provincia de Lugo, catro concellos da provincia (Lugo, Monforte, Quiroga e Viveiro) repártense un total de 290.061,71 euros para o programa de apoio á comunidade xitana.

O segundo programa financiado é o dirixido á inclusión social da poboación inmigrante, con 290.061 euros a distribuír entre outros catro concellos, en concreto, os de Burela, Lugo, Viveiro e Vilalba.

A terceira das accións financiadas é a promovida polo Concello de Lugo, que recibe 68.772 euros para o programa de apoio a situacións de emerxencia social.

Finalmente, máis de medio millón de euros (572.178 euros) servirán para apoiar os programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social dos menores de once municipios da provincia: os de o Viveiro, Vilalba, Sober, Pobra do Brollón, Pantón, Monforte, Mondoñedo, Guitiriz, Chantada, Carballedo e Burela.

Aínda que as accións subvencionables pode variar en función do programa concreto, moitas delas teñen en común iniciativas como a erradicación do chabolismo, mediación cultural e social, reforzo educativo de menores, formación dixital, servizo de transición ao emprego, accións formativas dirixidas ao coñecemento dos valores de acollida, ou á alfabetización nas linguas oficiais e o servizo de Educación Familiar, entre outros.

Esta iniciativa redunda na necesaria colaboración institucional entre os concellos e a Xunta. As corporacións municipais son responsables dos servizos sociais básicos e da prestación destes apoios, e a Administración autonómica financia estas iniciativas.

Etiquetas