Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Os socialistas denuncian a falta de medidas para controlar a praga do xabaril

Por 27 Decembro, 2019Sin comentarios

O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, alertou hoxe da “falla de medidas” por parte da Xunta para combater a praga de xabaril. O responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión alertando da ameaza desta especie e criticou a falla de accións eficaces por parte da Xunta, que deixa a responsabilidade na mans dos terreos cinexéticamente ordenados –Tecores-.

Pérez Seco criticou que a Xunta quere “convidar e non pagar” derivando a súa responsabilidade nos propios Tecores. O responsable socialista defendeu “un novo sistema de colaboración entre os Tecor e a Administración” que fomente a “coexistencia da actividade agraria coa fauna cinexética e salvaxe”.

Criticou a Resolución do 23 de setembro, que modifica a Resolución que determina as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais pro especies durante a actual tempada, que afecta a 33 concellos de 4 comarcas. Lembrou que a xestión da fauna salvaxe depende da Xunta, e que esta medida “non solucionará un problema que non reside en que se poida cazar tódolos días e os cazadores e cazadoras tampouco son responsables da praga”.

Deste xeito sitúan unha “gran responsabilidade enriba dos cazadores, ademais de poñer en perigo a calquera persoa que se atope desfrutando dunha actividade ao aire libre”. Lembrou que o goberno galego xa ten fracasado nos seus anteriores intentos extravagantes de controlar as poboacións con gaiolas ou autorizando batidas con arqueiros.

Pérez Seco alertou da alarmante situación do xabaril na nosa comunidade e destacou o risco que supón para a poboación a elevada presencia de cazadores e cazadoras nos montes de Galicia. Tampouco podemos esquecer os evidentes danos materiais producidos polo xabaril “en bens públicos de axardinamentos e zonas deportivas, xa que os xabarís achéganse as vivendas ou podemos velos en cidades”.

O responsable socialista alertou da incidencia desta especie na seguridade viaria, “con máis de 1.800 atropelos ao ano en Galicia, ao atravesaren estradas nacionais, autonómicas e camiños rurais”. Advertiu que os sinistros relacionados con xabarís ocasionan “4 millóns de euros en danos a vehículos” o que trae como consecuencia o incremento das primas de seguros.

O deputado puxo énfase no especial risco que supón a propagación da peste porcina africana a través dos xabarís, que son “potenciais transmisores” da enfermidade. A chegada desta enfermidade a nosa comunidade poría en risco ao sector porcino, o cal é un “sector moi importante” na nosa economía.

AXUDAS

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou  diferentes medidas impulsadas pola Consellería do Medio Rural para apoiar e promocionar as razas autóctonas gandeiras de Galicia.

En resposta a esta pregunta, Balseiros indicou que a Xunta valora estas razas por representar unha riqueza xenética, un patrimonio inmaterial e unha oportunidade para as novas gandarías extensivas e de produción ecolóxica, ao seren razas cunha enorme adaptación ás condicións climáticas de Galicia.

Entre as medidas desenvolvidas por Medio Rural, o director xeral destacou as axudas para as razas autóctonas en perigo de extinción, que supoñen unha achega de arredor de 1,4 millóns de euros anuais. Benefician aos titulares de explotacións inscritas no rexistro correspondente, que cumpran unha serie de condicións. As razas que se apoian con esta medida son as bovinas limiá, cachena, vianesa, caldelá e frieiresa; a ovella e a cabra galegas; o porco celta; a galiña de Mos e o cabalo galego.

Outra actuación mencionada por José Balseiros é a referida ao apoio que se presta á conservación e uso dos recursos xenéticos destas razas. Isto -explicou- faise fundamentalmente a través de convenios de colaboración coas asociacións de criadores, cunha dotación orzamentaria que ata o de agora oscilaba entre os 60.000 e os 310.000 euros. O director xeral avanzou que a Consellería ten previsto manter estes acordos e que proximamente serán aprobados polo Goberno galego.