Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba convoca o primeiro concurso de fotografía de Nadal

Por 29 Decembro, 2019Decembro 30th, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba, a través da súa Concellería de Cultura, convocou o primeiro concurso de fotografía destinado a representar, a través desta modalidade artística, o significado do Nadal: familia, amizade, fogar, soidade, compaña, agasallos, símbolos, paisaxes, pobo, pertenza, lugares…

Poderán participar neste concurso todas as persoas que teñan cumprida a maioría de idade enviando os seus traballos en formato dixital comunicacion@vilalba.es. Deberán adxuntar neste mesmo correo electrónico dous arquivos:

  • A fotografía; o nome do arquivo será o título da mesma
  • Documento cos datos persoais (nome, idade, DNI, teléfono, enderezo, e-mail); o nome do arquivo será “Plica + título da foto”. Breve explicación do traballo.

As persoas participantes poderán concorrer ao concurso  cun máximo de 2 fotografías. Neste caso, deberán facer envío de 2 correos electrónicos, cada un cos dous arquivos correspondentes.

O prazo de entrega das fotografías rematará o 2 de xaneiro ás 23:59 horas e o día 8 daranse a coñecer os gañadores.

Para este primeiro concurso estableceuse unha única categoría cun primeiro premio de 200 euros e un segundo de 150. Ademais, haberá un premio especial por votación popular. O día 1 de xaneiro, data posterior ao límite de prazo de entrega, publicaranse as fotografías participantes na rede social Facebook. Aquela fotografía con máis “gústame” farase con este premio de cen euros.

A composición do xurado darase coñecer por resolución da alcaldía, e farase pública na páxina web www.vilalba.org e na Sede Electrónica do concello, antes de finalizar o prazo da entrega de traballos ao concurso.

O xurado está composto por profesionais do mundo da fotografía, presidida pola Concelleira de Cultura e actuando de secretaria o/a técnica/o de cultura.

As puntuacións realizaranse sobre un total de 20 puntos en base aos criterios de calidade, creatividade, orixinalidade e grao de relación co tema proposto.

O fallo do xurado darase a coñecer o día 6 de xaneiro de 2020 a través das redes sociais do Concello e da páxina web. A votación popular contabilizará ata o 5 de xaneiro ás 23:59 horas.