Skip to main content
ActualidadeVilalba

Este domingo represéntase Lambetadas, para público familiar

Por 10 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Auditorio Carmen Estévez de Vilalba acolle este domingo, 12 de xaneiro, o espectáculo para público infantil e familiar Lambetadas, que ten como obxectivo a concienciación e posta en valor da lingua galega como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual.

A representación, que ten un prezo de tres euros en taquilla, terá lugar a partir das 18.30 horas.

No argumento, dous personaxes excéntricos entran en escena. Como non saben quen son, nin de onde veñen, nin cara a onde van, non queda máis remedio que coñecerse, tanto un ao outro como a eles mesmos.

O que descobren é que para atopar a súa identidade deberán saber o que lles pasa ás súas linguas. Porque sen unha lingua propia chea de saúde non se poden lamer as lambetadas, que é o máis rico que hai.

Hai linguas e linguas. E non hai unha igual que a outra. Iso si: cada quen lame coa súa. Non vai lamer con outra. Porque se tes unha lingua tes que empregala. E vale para lamer calquera cousa. E para falar de calquera cousa. E en calquera situación. Porque todas as linguas valen para o mesmo. Para entenderse. Para comunicarse. Para dicir o que cada quen queira dicir. E para lamer o que cada quen queira lamer. Para lamer e gozar, para darse gusto.

Actúan María Ordóñez e Diego Rey, con textos de María Canosa, Santiago Cortegoso e Séchu Sende con dirección de Santiago Cortegoso.