Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

15 concellos beneficiaranse da planta de biorresiduos de Cervo

Por 20 Abril, 2022Sin comentarios

A instalación, cun investimento de 6,4 M€, ocupará uns 8.000 m2 e poderá tratar 3.000 toneladas de materia orgánica e producir case 1.500 toneladas de compost.

As obras da nova planta de biorresiduos proxectada en Cervo, unha infraestrutura que se prevé que entre en funcionamento a finais deste mesmo ano para dar servizo a 15 concellos, avanzan a bo ritmo, así o comprobaron o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

As instalacións, cuxa construción foi adxudicada por preto de 6,4 millóns de euros á UTE Espina Obras Hidráulicas, S.A- Geoxa, Xeneral de Construcións, S.L, ocupará unha parcela de case 8.000 m2 e dará servizo a 14 concellos da Mariña lucense, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove e Cerv, , ademais do coruñés de Mañón, aglutinando unha poboación de máis de 69.300 habitantes.

Esta instalación formará parte da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama teñan acceso á valorización da materia orgánica e dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

A planta de Cervo acollerá todo o proceso de compostaxe, pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento, disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica anuais, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estruturante, é dicir, podas e restos de madeira, e producirá ao redor de 1.500 toneladas de compost que se destinará ao sector da agricultura e da gandería como fertilizante natural.

Así mesmo, estará alimentada por enerxías renovables e equipada tamén con novidosos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna.

O presidente de Sogama subliñou que a planta de Cervo prestará un importante servizo á Mariña lucense e axudará ás entidades locais a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais no ámbito da valorización da materia orgánica, toda vez que “o conxunto dos concellos galegos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para instaurar a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón”.

Así mesmo, lembrou que os concellos aos que prestará servizo a futura instalación tamén están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo recibido desta empresa pública, e de forma gratuíta, máis de 1.400 composteiros.

17 INSTALACIÓNS EN REDE

Aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá apoiando aos concellos para que cumpran coas obrigas legais establecidas na materia. A tal fin deseñou unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha en cada provincia, Cerceda, xa en funcionamento, Vilanova de Arousa, Verín e Cervo, apoiadas por 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica.

A previsión é que as plantas integradas nesta rede, nas que se investirán ao redor de 40 millóns euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos Feder como parte da resposta da Unión Europea á crise da covid, entren en funcionamento a finais de 2022.