Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba acolle a proxección dun documental sobre a operación Carioca

Por 16 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O vindeiro sábado, 18 de xaneiro a Asociación Feminista de Vilalba levará a cabo a proxección do documental Benvidas ao club, obra dirixida pola lucense Carmen PG Granxeiro.

O documental nace nas asambleas da plataforma Impunidade Carioca. Esta plataforma loita para que se faga xustiza na trama de prostitución Operación Carioca que leva máis de dez anos nos xulgados de Lugo e na que se manteñen imputados tanto proxenetas como axentes da Policía.

O argumento está situado a finais de 2009 cando a aparentemente tranquila cidade de Lugo encabeza titulares e abre telexornais. Algunhas palabras que antes soaban lonxanas resoan coa forza do cotiá entre estradas e beirarrúas escuras baixo as luces intermitentes dos neóns. O maior sumario contra a trata visto en España dáse a coñecer aos medios logo dun ano de instrución baixo segredo de sumario. A operación Carioca entra nos fogares e pasa a formar parte das nosas conversas pero, somos conscientes do que realmente agocha? Esta é unha viaxe ao inferno onde centos de mulleres son vítimas da corrupción e da violencia, unha viaxe salpicada polas drogas e que ten lugar a carón noso. Logo de 10 anos no subconsciente colectivo este xuízo está a piques de chegar á recta final onde policías locais e nacionais, guardias civiles, funcionarios, empresarios ou médicos conforman un entramado que ocupa miles de folios no Xulgado de Instrución no 1 de Lugo.

Logo da proxección, poderanse escoitar os testimonios de dúas das participantes no documental, Carmen G. Magdaleno da plataforma Impunidade Carioca e Ana Barba Núñez de ALIAD-ULTREIA, asociación que traballa para a integración de persoas en risco de exclusión.

Dende a asociación feminista convidan a todas e a todos a asistir pois “é preciso recordar o que sucedeu, non fai moito, preto de nós e pór en valor a valentía das mulleres que se atreveron a denunciar este caso para que todo fora destapado”, din.

A actividade será de balde e terá lugar o vindeiro sábado ás sete e media da tarde no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba.