Axencia de colocación

Comezan as obras na rúa Casilla das Pontes

O Concello das Pontes puxo en marcha, onte, as obras de rehabilitación da rúa Casilla. Un proxecto, cun orzamento de 86.491 euros, financiado pola Deputación da Coruña.

Esta actuación pemitirá mellorar a pavimentación e a accesibilidade na marxe dereita do viario, entre as rúas Eduardo Pondal e a Praza da Lembranza, dando resposta á demanda da veciñanza para impulsar a contorna, eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a mobilidade na zona, aumentando a calidade de vida dos veciños e veciñas.

As obras permitirán a substitución da pavimentación actual por formigón impreso e a renovación dos servizos públicos municipais. Durante a duración dos traballos procederase ao peche da rúa Curros Enríquez no tramo comprendido desde a rúa Casilla ata a rúa Portorroibo.

Na súa aposta por mellorar a eficiencia enerxética do municipio, o Concello procederá a retirar as luminarias actuais, situadas nas fachadas dos edificios, e o cabreado existente, para substituílas por novos báculos e puntos de luz, con tecnoloxía LED, situados na beirarrúa.

Acometerase á renovación das instalacións de saneamento, coa construción dunha rede separativa de augas pluviais e fecais que incluirá a creación de arquetas para a recollida das acometidas individuais das edificacións así como as acometidas dos sumidoiros e de recollida das augas procedentes dos domicilios e disporanse pozos de rexistro separativos e levarase a cabo a adaptación dos rexistros existentes.

Etiquetas