Axencia de colocación

As Pontes adxudica obras no rural por valor de 106.000 euros

A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes axudicou, a semana pasada, obras de mellora de camiños nas parroquias do Freixo, Ribadeume e Santa María por 106.000 euros, traballos que serán financiados pola Deputación da Coruña.

Estas obras forman parte do plan de traballo deseñado polo goberno local para as parroquias do rural pontés, destinado a mellorar a rede de estradas e camiños, continuar coa incorporación de novos servizos públicos así como renovar os equipamentos, seguindo co seu compromiso por mellorar as infraestruturas do ámbito rural e favorecer a calidade de vida de toda a veciñanza.
A empresa Cholo S.L executará ás obras de reposición e mellora de firmes en vías municipais das parroquias de San Xoán do Freixo e Santa María das Pontes, nos camiños A Rega, Pazos e Mariñao.

Na parroquia do Freixo, o proxecto de rehabilitación do camiño da Rega permitirá mellorar o viario, no tramo comprendido entre a Cruz da Rega dos Francos ata o cruce do camiño que leva ao núcleo do Vilar. As intervencións previstas teñen por finalidade a limpeza das cunetas en ámbalas dúas marxes do vial, así como o recrecemento do firme existente con aglomerado asfáltico. Actuacións que se completarán co pintado das marxes para mellorar a sinalización horizontal.

No caso do Camiño de Pazos está prevista a reparación dun tramo de case un quilómetro, en dirección ao núcleo de poboación, mediante a limpeza das marxes e cunetas, o bacheado de fochas, o recrecemento da plataforma con aglomerado asfáltico e a reposición da sinalización horizontal

Na parroquia de Santa María de As Pontes, no Camiño de O Mariñao procederase á rehabilitación do firme reparando as fochas existentes, limpando as marxes do vial e recrecendo con aglomerado asfáltico toda a superficie de actuación. Rematarase coa sinalización horizontal en ambas marxes e a instalación de sinalización vertical.

Excavaciones Saavedra y López acometerá os traballos de mellora do asfaltado das estradas en Vilarmouro e Chao, nas parroquias do Freixo e Ribadeume.

As actuacións previstas están encamiñadas a rehabilitación dos viarios para dotalos dunha calidade, estrutural e superficial óptima, para mellorar a comodidade e seguridade do tráfico rodado como para os viandantes.

O proxecto, contempla, previo ó inicio das obras, a limpeza das cunetas para o correcto drenaxe do firme e o aporte de grava e tratamento asfáltico naquelas zonas nas que existan fochancas para proceder, a continuación, realizar o afirmado cun dobre tratamento superficial formado por dobre rego con gravilla.

Etiquetas