Skip to main content
ActualidadeAs Pontes

As Pontes destina 40.000 euros ao programa ‘Eu almorzo no cole’

Por 28 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Concello das Pontes, a través da Concellería de Benestar Social, destina, durante o curso 2019-2020, 40.000 euros ao programa municipal “Eu almorzo no cole”, un 9% máis que durante o curso anterior.

A concelleira responsable da área, Tania Pardo, sinala que “debido ao bo funcionamento desta iniciativa municipal e a boa acollida, tanto polas nais e os pais como polo menores, o goberno local apostou por incrementar, seguindo a liña de anos anteriores, a contía destinada a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamentos do programa, para tratar de dar resposta ás necesidades das familias pontesas que, por cuestións laborais e persoais, precisan deixar aos seus fillos e fillas no colexio antes do inicio da xornada escolar”

Asi, durante este curso escolar serán máis de 130 as familias que se beneficiarán deste programa. No colexio Santa María o número de alumnos e alumnas que participan no programa, tódolos días, ascende a 15 mentres que son 10 os nenos e nenas que o empregan de xeito esporádico.
No caso do colexio A Fraga almorzan, diariamente, 25 alumnos e alumnas, con idades comprendidas entre os tres e os doce anos, e 10 menores acceden a este servizo en días soltos, mentres que no CEIP A Magdalena o número de beneficiarios e beneficiarias do programa “Eu almorzo no cole” ascende a 80, sendo 50 os nenos e nenas que o empregan cada día e 30 usuarios e usuarias que fan uso de xeito puntual, en días soltos.

O programa municipal “Eu almorzo no cole”, posto en marcha polo goberno local no ano 2009, tamén busca promover hábitos saudables entre os rapaces e rapazas beneficiarias, a través de propostas de almorzos baseadas no consumo de froitas, lácteos e cereais así como mediante actividades lúdicas complementarias, relacionadas coa dieta e a práctica de exercicio físico.