Bonos consumo Vilalba

Dous fotógrafos descubren un piar de luz no ceo nocturno de Muras

Marcos López e Sete Vázquez, dous fotógrafos que pertencen á sección de Astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural descubriron no alto da Curuxeira, no municipio de Muras, un piar de luz, un raro fenómeno óptico que moi poucas veces se consegue inmortalizar.

Estes dous fotógrafos contan cunha dilatada carreira profesional e están especializados en fotografía astronómica polo que este achado colleunos traballando neste lugar.

De feito, o fenómeno, que se capta en moi poucas ocasións pola súa curta duración, mantívose uns quince minutos.

Para que teña lugar o fenómeno do piar de luz teñen que darse unhas circunstancias determinadas. Ten que haber aire particularmente frío en altura, e o ceo debe ter unha transparencia determinada. Ademais, debe haber algo de contaminación luminosa, ese factor que tantas veces é inimigo da observación do ceo nocturno. Neste caso, foi a luz das Pontes a que fixo posible o feixe de luz.

Aínda que é habitual velo de noite, o piar de luz tamén pode xurdir durante o día, formado pola luz do sol. Os piares solares teñen, por tanto, unha xénese semellante. Ben por enriba ou ben por debaixo da luz solar, os cristais de xeo debuxan un fermoso feixe.

O fenómeno do piar de luz súmase así ao arquivo de imaxes nocturnas do ceo de Muras, un concello que aspira a obter a certificación Starlight pola boa calidade dos seus ceos.

Etiquetas